- Tamén saíu adiante a proposta de Alcaldía para solicitar ante a RAG que dedique o Día das Letras Galegas ao Padre Isorna
Valga, 28 de outubro de 2026.
O Pleno do Concello aprobou onte senllas mocións presentadas polo grupo de goberno para recoñecer a dúas personalidades valguesas que deixaron pegada no ámbito cultural: Manuel López Castro e Pepe Potel, que dende agora darán nome a dúas salas do Auditorio Municipal: a sala que emprega a Coral pasará a chamarse “Sala Manuel López Castro – ‘Manolo de Pedro’”, mentres que a sala de exposicións do Auditorio levará o nome “José Manuel Vicente Potel – ‘Pepe Potel’”.
Manuel López Castro, nado en Barcia en 1944 e falecido o pasado 22 de xuño ,foi unha persoa estreitamente vencellada á vida cultural e social de Valga, impulsor de iniciativas que xa forman parte do patrimonio local, coma a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro, da que foi fundador e director durante 32 anos.
Estudou Filosofía e Teoloxía na Universidade Pontificia de Roma e realizou diversos estudos de canto e harmonía. Aos oito anos ingresou no Coro da Catedral de Santiago e, posteriormente, continuou a súa formación en Salamanca, Francia ou na propia Roma.
Co compromiso de “Manolo de Pedro” coa cultura e, en concreto, a música deixa unha pegada imborrable. Ao seu amparo, a Polifónica Santa Comba, creada en 1994, levou o canto coral por toda a xeografía galega, Asturias e Portugal, onde chegou a cantar a Misa e participar na procesión das candeas de Fátima. Aparicións na TVG ou actuacións no pazo compostelán de Fonseca foron outros dos fitos máis reseñables desta etapa. A agrupación incluso chegou coa súa música máis aló das fronteiras peninsulares, cruzando o Atlántico nunha viaxe a Arxentina durante a que realizou varias actuacións en Buenos Aires.
Na súa faceta de sacerdote, tamén destacou a súa implicación na conservación das tradicións relixiosas e culturais valguesas. Aínda que o principal lugar no que exerceu a súa vocación relixiosa foi Betanzos, “Manolo de Pedro” colaborou ao longo da súa vida coas diferentes parroquias de Valga, participando en celebracións de tanta relevancia patrimonial e histórica coma a Procesión dos Lacóns, o San Blas ou o Nadal.
Neste punto o Grupo de goberno e o BNG votaron a favor e o PSOE abstívose.
En canto a Pepe Potel (Laxes, 1957-2018), foi tamén sempre unha persoa comprometida coa cultura xeral, especialmente coa pintura. Aínda que nos seus inicios foi autodidacta, decidiu despois formarse tomando clases en Arcade, ata que conseguiu xuntar entre amigos e familiares un pequeno grupo para poder crear a escola de pintura Adeval para achegar a pintura a todos os veciños de Valga.
As súas obras mostraban lugares e vivencias tanto da súa infancia como da súa vida cotiá, así como costumes típicas da vida na aldea. Cunha temática marcada pola tradición, as supersticións e a natureza onde cobra especial protagonismo o mar.
A súa evolución foi moi significativa pasando de ser un pintor de brumas en seus inicios a ter unha ampla gama de cores na súa paleta. Esta evolución fíxoo medrar como pinto, levándoo a experimentar con diferentes soportes, xogando coas texturas e con diferentes técnicas.
Orgulloso da súa terra, Valga, levou as súas obras por toda Galicia chegando a expoñer en varias cidades españolas e incluso no estranxeiro. Anos despois, en colaboración do Concello, creouse a sala de exposicións no Auditorio para proporcionar un espazo onde os artistas poidan mostrar as súas obras.
normalidade.
O recoñecemento ao pintor valgués foi aprobado por unanimidade.
Día das Letras Galegas para o Padre Isorna
Na mesma sesión tamén foi aprobada, coa única abstención do PSOE, a proposta de Alcaldía para solicitar ante a Real Academia Galega que se dedique o Día das Letras Galegas ao Padre Isorna. O alcalde informou que o Concello, da man da familia de Xosé Manuel Isorna Ferreirós, mantivo xa contactos co presidente da RAG, cos académicos e con outras entidades coas que estivo relacionado o Padre Isorna coma o Convento de San Francisco de Santiago, ademais de acadar o apoio dunha vintena de asociacións veciñais e culturais de Valga para reforzar a proposta.
Nado en Barcia (Cordeiro), cursou estudos de Humanidades no seminario franciscano do Convento de Santo Antonio de Herbón, onde exerceu máis adiante como profesor, ao igual que noutros centros da orde á que pertencía. Foi vicerreitor do Convento de San Francisco de Santiago, representante de Radio Vaticana en Galicia, delegado diocesano de Medios de Comunicación Social e director da revista “El Eco Franciscano”, ademais de ser promotor de numerosas publicacións.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1967, estando moi comprometido coa galeguización da igrexa. Tratou con intelectuais da talla de Otero Pedrayo, López Cuevillas, Álvaro Cunqueiro e a familia de Castelao.
Foi un precursor do uso do galego na liturxia, oficiando durante máis de vinte anos as misas emitidas pola Televisión de Galicia. A súa fonda relación co galego quedou tamén patente, por exemplo, no funeral do tamén valgués Xesús Ferro Couselo, que el oficiou; ou de Sebastián Martínez-Risco, que faleceu en 1977 sendo o presidente da Real Academia Galega.
O 17 de maio de 1997 recibiu o título de Fillo Predilecto de Valga. No ano 2009, doou ao Concello a súa biblioteca privada, integrada por uns 15.000 volumes: traballos de teoloxía e filosofía, literatura histórica, libros de poesía e arte, bibliografías, publicacións propias, enciclopedias, dicionarios, mapas e diverso material audiovisual, que pasaron a formar parte do patrimonio público valgués e que permitiron abrir en 2011 no Auditorio Municipal a primeira biblioteca pública de teoloxía de Galicia.
Esta foi só unha mostra máis do compromiso que o Padre Isorna mantivo sempre coas xentes e do concello de Valga, participando activamente en numerosas iniciativas sociais e culturais coma o Belén Artesanal ou a Batalla de Casal de Eirigo, entre outras. O legado da súa biblioteca e a súa presencia no Museo da Historia de Valga manteñen viva a súa figura como valgués ilustre.
ES
EN