- Nun dos campos sintéticos de Campaña estase a mudar a herba por un céspede 100% sustentable substituíndo o caucho por carozos de millo
- As melloras tamén afectan aos vestiarios do campo natural de Baño e ao pavillón de Cordeiro

Valga, 27 de outubro de 2026.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, realizaron esta mañá unha visita a varias instalacións deportivas municipais para comprobar o estado das obras de mellora que se están a executar e nas que se están a investir 1’4 millóns de euros.
O percorrido deu comezo no campo de fútbol de Baño no que, trala substitución este mesmo verán de parte do céspede natural deteriorado, as melloras céntranse agora na reforma integral dos vestiarios, coa renovación de sanitarios, azulexos e chans. Así mesmo, acondicionaranse os aseos públicos do recinto e actuarase sobre a cuberta, colocando panel, reforzando a impermeabilización e a recollida de augas. Por último mellorarase o sistema de rego automático.
A continuación, a comitiva, da que tamén formaban parte a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, os tenentes de alcalde Román Castro e Carmen Gómez e técnicos municipais, desprazouse ata campaña para comprobar como loce o novo céspede artificial do campo de fútbol máis antigo destas instalacións. Despois de 25 anos de uso mudouse a herba sintética e instalouse unha nova moqueta que segue os estándares FIFA Quality Pro, está indicado para un uso intensivo e garante un rendemento de alta duración. Prescindirase completamente do caucho, adiantándose así o Concello á prohibición do uso deste material, que entrará en vigor en 2031 co obxectivo de reducir a contaminación por microplásticos. No seu lugar emprégase un recheo ecolóxico a base de carozos de millo que presenta, como principais vantaxes, a sustentabilidade, a redución da calor acumulada no campo e a proporción de amortiguación. O instalador Daniel Vidal amosoulles ás autoridades como é este recheo e explicoulles as súas características.
Ademais do cambio de céspede, nas instalacións deportivas de Campaña tamén se desenvolven traballos nas bancadas, que inclúen melloras no illamento e impermeabilización das galerías e balcóns, a posta a punto de todos os elementos metálicos e paramentos con tratamento anticorrosivo e o pintado.
Por último, no pavillón de Beiro está previsto rematar o acondicionamento da envolvente, pechar a galería existente tralas bancadas e mellorar os sistemas de climatización, contraincendios e outros equipamentos.
O proxecto finánciase cunha subvención de 700.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Para a outra metade do orzamento asinouse un convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo que permite ao Concello acceder ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
No transcurso da visita o alcalde agradeceu ao conselleiro a colaboración do seu departamento. “O campo de Campaña estaba impracticable despois de 25 anos e os vestiarios de Baño e o pavillón de Biero tamén necesitaban estas melloras”. Bello Maneiro destacou a notable actividade que se desenvolven nas instalacións deportivas municipais e puxo como exemplo Campaña, onde xogan ata 16 equipos da base do Cordeiro CF e se disputa tamén unha competición de veteranos.
Pola súa parte, o conselleiro destacou a importancia destas infraestruturas non só para a veciñanza de Valga, senón para toda a contorna, xa que se trata de recintos modernos e eficientes para facilitar a práctica do deporte.

ES
EN