Accessibility Tools

Todas

O BELÉN ARTESANAL, MOTOR TURÍSTICO DO NADAL EN VALGA, XA PREPARA A SÚA NOVA EDICIÓN

- A convocatoria electoral obriga a cambiar a data de inauguración, prevista inicialmente para o 29 de novembre

- Amigos do Belén encárganse, coma sempre, de crear as novas figuras e escenas coas que sorprender ao público

BelénMontaxe26 1

Valga, 6 de outubro de 2026.

Dende mediados de setembro, a Asociación Amigos do Belén de Valga está de volta no taller para dar vida a unha nova edición, a número trinta e dúas, dunha das representacións do Nadal máis emblemáticas e concorridas de toda Galicia. Este ano, o colectivo adiantou o inicio das tarefas co obxectivo de inaugurar a montaxe o domingo 29 de novembro. Pero a convocatoria electoral obriga a un cambio de plans, polo que a organización está a busca dunha definitiva para a apertura do nacemento.

Alleos a este imprevisto, os membros da asociación continúan traballando arreo divididos nas súas respectivas seccións: carpintería, electricidade, montaxe, costura, deseño de figuras... O esforzo conxunto ten un único propósito: volver a sorprender aos miles de visitantes que cada ano chegan a Valga dende os puntos máis diversos da xeografía galega, estatal e incluso doutros países.

Declarado de Interese Turístico de Galicia, o Belén Artesanal en Movemento de Valga converteuse nun fenómeno social e cultural que superou as 40.000 visitas en cada unha das súas últimas edicións. A sona non só sitúa a Valga no mapa do Nadal, senón que supón un verdadeiro motor turístico para o concello.

O que fai único ao Belén de Valga fronte a outros nacementos tradicionais é a combinación entre a representación relixiosa e a crónica de actualidade, recollendo os acontecementos máis salientables que se produciron ao longo do último ano a nivel local, rexional, nacional e internacional. Así, xunto ás escenas tradicionais dos nacementos, o Belén de Valga incorpora cada ano personaxes da cultura, da política, do deporte e do espectáculo, así como acontecementos sociais e noticias de impacto.

Tamén se inclúen representacións de oficios tradicionais (a malla, a vendima, os afiadores, os canteiros..) e elementos do patrimonio e da arquitectura popular.

As figuras son creadas de xeito artesanal e, moitas delas, contan con mecanismos de automatización deseñados polos propios veciños.

BelénMontaxe26 2 BelénMontaxe26 3