- A Polifónica de Santiso, a Municipal da Illa de Arousa e a Coral Santa Comba de Cordeiro foron as agrupacións participantes
- O alcalde e a concelleira de Turismo estiveron entre os asistentes

Valga, 5 de outubro de 2026.
O Auditorio Municipal acolleu este sábado a XVIII edición do Festival de Outono de Corais, que contou coa participación de tres agrupacións vocais: a Polifónica de Santiso, a Municipal da Illa de Arousa e a Coral Santa Comba de Cordeiro, anfitrioa e organizadora. O concerto estivo marcado polo recordo de Manuel López Castro, "Manolo de Pedro", tralo seu pasamento.
El foi un dos fundadores e director da Coral Santa Comba durante os seus 32 anos de traxectoria. A presidenta da Polifónica valguesa, Valentina Ferro, sinalou que "é o primeiro concerto que celebramos sen el, pero Manolo segue moi presente nos nosos corazóns. Dedicou parte da súa vida a esta coral e deixou amizades, ensinanzas e recordos que perdurarán para sempre". A presidenta tamén tivo palabras de agradecemento para a nova directora, Elisabet Lustres, xa que "non é doado asumir a dirección nun momento tan emotivo para todos nós. Agradecémoslle que aceptase acompañarnos nesta etapa tan complicada".
Repertorio variado e unha clausura conxunta
No apartado musical, a Coral de Santiso, dirixida por Juan Carlos Mazás, foi a encargada de abrir o festival interpretando os temas "Velai Vai", "Hasta mi final" de Il Divo, "Teño Saudade" e "La rosa del azafrán". Tomou o relevo a Municipal da Illa de Arousa, con Montserrat Arosa como directora, cun repertorio integrado por "Aquella tarde", o tributo a María Dolores Pradera "Cielo", "Mariñeiro" e "Galicia terra nosa", de Los Tamara.
A Polifónica Santa Comba de Cordeiro pechou a quenda de actuacións individuais cantando a popular "La sirenita", "Terra Meiga", a tradicional portuguesa "Gotinha de auga" e "Viento del norte". Como broche de ouro, as tres agrupacións uníronse sobre o escenario para interpretar de xeito conxunto "A saia de Carolina" e "Cielito lindo".
Ao festival asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna. Os dous tomaron parte na entrega de agasallos ás agrupacións participantes, xunto ao director musical Manuel Villar Touceda.
Na súa intervención, Valentina Ferro subliñou a importancia do apoio do público, entidades e administracións locais "para que agrupacións coma a nosa sigan mantendo viva a cultura, a música e as tradicións do noso pobo". Así mesmo, animou aos afeccionados á música e ao canto a incorporarse á Coral: "Necesitamos novas voces e novas ilusións. As portas están abertas para todos".

ES
EN