Accessibility Tools

Todas

O ALUMNADO DO OBRADOIRO DE EMPREGO ULLA-UMIA PARTICIPOU NUNHA XORNADA SOBRE PREVENCIÓN E SEGURIDADE LABORAL

- Diego Castro, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, explicoulles a importancia de adoptar hábitos seguros

- Os EPIs obrigatorios e os procedementos de traballo de cada posto foron algunhas das cuestións que abordaron

PrevenciónOE1

Valga, 21 de outubro de 2026.

O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia participou esta semana nunha xornada formativa impartida por Diego Castro, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), organismo dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta.  

Nesta actividade, o relator explicou detalladamente cal é o papel do ISSGA na prevención de riscos laborais no sector forestal, subliñando a importancia de adoptar hábitos seguros nos traballos no monte. Así mesmo, deu a coñecer todo o material divulgativo que a entidade ten elaborado especificamente para o sector forestal, como guías técnicas e sobre equipos de protección individual (EPI) obrigatorios e recomendados para os distintos postos de traballo do sector: motoserristas, operarios de poda e talla en altura, operarios de rozadoira, peóns forestais, maquinistas e transportistas.

Diego Castro puxo especial énfase na necesidade de consultar sempre a Avaliación de Riscos de cada posto, seguir os procedementos de traballo, respectar a vida útil dos equipos e escoller sempre EPIs cómodos e ergonómicos.  

Con esta actividade, o Obradoiro de Emprego Ulla-Umia reforza o seu compromiso coa seguridade, de maneira que os aprendices non só adquiran competencias técnicas no ámbito forestal, senón tamén os coñecementos fundamentais para protexerse no traballo.

PrevenciónOE2