- As actuacións, que se desenvolven na contorna de firmas coma Extrugasa, Exlabesa e Urovesa, favorecerán a mobilidade de transportes e traballadores
- Ademais do asfaltado de estradas, tamén se mellora a drenaxe coa renovación dos sumidoiros

Valga, 21 de outubro de 2026.
Está en marcha, na área empresarial de Campaña, unha nova fase de obras de acondicionamento das infraestruturas viarias que afecta á zona norte do polígono, na contorna dalgunhas das principais empresas do municipio, coma Extrugasa, Exlabesa ou Urovesa. Esta intervención ten como obxectivo continuar coa modernización das infraestruturas de comunicación do principal núcleo industrial e económico de Valga, facilitando tanto o transporte de mercadorías como o desprazamento diario dos centos de traballadores das factorías alí radicadas.
Coa execución deste proxecto preténdese adecuar a rede viaria ás novas necesidades xurdidas polo notable incremento da actividade empresarial rexistrado nos últimos anos. Trátase duna área que conta cunha superficie aproximada de 450.000 metros cadrados, vertebrada pola estrada autonómica PO-548 —desde a que ten o seu acceso principal— e na que están asentadas ata cinco grandes empresas que suman, entre todas elas, máis de 2.000 traballadores.
As obras que se están a levar a cabo inclúen diversos traballos orientados a optimizar tanto a seguridade como a funcionalidade dos accesos e vías interiores. Entre as principais actuacións atópanse a mellora da drenaxe, co acondicionamento de cunetas e instalación de novos sumidoiros para a recollida de augas pluviais; o asfaltado de dúas rúas (a que chega ata a fábrica de Extrugasa pasando polo Belén Artesanal e a situada entre as instalacións deportivas municipais e a planta de Urovesa); e o reforzo da seguridade viaria con nova sinalización.
Os traballos contan cun orzamento total de 142.962,60 euros. Para o seu financiamento, o Concello dispón dunha subvención concedida pola Consellería de Economía e Industria da Xunta, enmarcada nunha orde de axudas destinadas á mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.

ES
EN