- Impartiuse un módulo de 60 horas sobre prevención de riscos, complementado con outras 6 horas específicas para o oficio de carpintería
- O proxecto formativo, que se inaugurou a pasada semana, ofrece formación teórica e práctica a vinte persoas desempregadas

Valga, 1 de xullo de 2026.
Os vinte alumnos que forman parte Obradoiro Dual de Emprego Ulla Umia, promovido de xeito conxunto polos concellos de Valga, Moraña e Portas e que se inaugurou a pasada semana, completaron nestas primeiras xornadas formativas un módulo de prevención de riscos laborais, unha cuestión fundamental para aspirar a converterse en profesionais da carpintería e dos traballos forestais, as dúas especialidades que se imparten.
Esta formación tivo unha duración de 60 horas e foi complementada con outras 6 horas específicas sobre o oficio de carpintería. Os contidos impartidos centráronse en:
- Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo
- Identificación e análise de riscos xerais e específicos de cada actividade
- Medidas preventivas a adoptar no día a día
- Nocións fundamentais de primeiros auxilios
O obxectivo deste módulo é concienciar ao alumnado desde o primeiro momento sobre a importancia de traballar seguros, dotándoos das ferramentas necesarias para detectar calquera perigo na súa contorna laboral.
As clases foron impartidas por técnicos especialistas da empresa Preveplan. Desde a dirección do Obradoiro, Mª Carmen Vidal destaca que se trata “dunha formación de máxima relevancia, xa dende o inicio do proxecto velamos de forma estrita pola seguridade de todo o equipo”. Ademais, cumprindo coas obrigas de vixilancia da saúde, todos os integrantes do Obradoiro realizaron os correspondentes recoñecementos médicos.

ES
EN