- A Xunta de Galicia licitou a redacción do Plan de ordenación do solo, cun investimento de 136.000 euros
- Bello Maneiro: “Este equipo de goberno traballa para que Valga siga medrando e que os nosos veciños teñan emprego”

Valga, 16 de xuño de 2026.
O traballo do goberno de Valga para dotar ao concello de máis solo industrial segue dando froitos cun obxectivo claro: que as empresas locais dispoñan de terreos nos que ampliar as súas instalacións e crear novos postos de traballo e atraer a novas industrias que reforcen, aínda máis, a condición de Valga como potencia industrial da comarca e de Galicia.
Onte deuse un novo paso. O Consello da Xunta avaliou o inicio da tramitación do futuro parque empresarial da Medela, que permitirá incrementar en preto de 100.000 metros cadrados (93.741 m2) o solo industrial dispoñible. O trámite que se tratou na reunión do goberno autonómico foi a licitación da redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose), que facilitará tanto o asentamento de novas empresas como a ampliación doutras xa en funcionamento e que buscan unha zona máis axeitada para o seu crecemento. O orzamento reservado para a contratación deste plan ascende a 136.115,55 euros e conta cun prazo de execución de 24 meses.
O futuro parque empresarial de Valga, previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia sitúase nun enclave estratéxico: a carón da estrada nacional 550, con acceso á autoestrada AP-9 e a pouco máis de 20 quilómetros do porto de Vilagarcía.
O alcalde, José María Bello Maneiro, que se atopa en Madrid realizando xestións ante diferentes organismos para impulsar outros proxectos, valora este avance coma “un importante paso adiante para o futuro polígono de Valga e unha gran noticia para o municipio. Aínda que fisicamente en Madrid, onte estabamos tamén virtualmente no Consello da Xunta atentos a este anuncio e, como sempre fixo este equipo de goberno, traballando para que Valga siga medrando e para crear postos de traballo para os nosos veciños”.
ES
EN