- Un grupo de alumnos e mestres visitaron esta mañá a finca de Fontenlo na que medran máis de 450 variedades desta flor
- Escoitaron unha lección maxistral sobre a reprodución, os coidados e o valor botánico desta especie
Valga, 20 de abril de 2026.
O xardín de camelias que, dende fai máis de tres décadas, cultivan no lugar de Fontenlo o matrimonio formado por Rosa Crespo e Jaime Escofet serve tamén como material didáctico para os alumnos do ciclo de Agroxardinaría e Composicións Florais do IES de Valga que esta mañá, acompañados por varios mestres, visitaron a parcela para coñecer polo miúdo este espazo de gran valor botánico e ornamental.
Os estudantes escoitaron unha verdadeira lección maxistral sobre o cultivo e o coidado das camelias, unha planta chegada dende Asia fai máis de 200 anos e que se adaptou perfectamente ao clima suave e húmido de Galicia. Rosa e Jaime transmitiron a este grupo de mozos a súa paixón pola xardinaría explicándolles, paso a paso, o proceso de cultivo das camelias comezando pola súa reprodución, que pode ser por escallo, por enxerto ou por sementes. Deste último modo é como adoitan conseguirse novas variedades coma as que teñen rexistradas Jaime e Rosa, entre elas que leva o nome da Bella Otero, sobre a que falaron abondo durante a visita. Floreceu por vez primeira en 2004 e destaca pola cor rosa forte e polo gran tamaño das súas flores, de ata 12 centímetros de diámetro.
“Manter este xardín significa non parar de traballar, xa que precisa de moitos coidados de poda, pasar o angazo...”, explican os propietarios, que na súa traxectoria como coleccionistas de camelias teñen conseguido numerosos premios en exposicións e concursos. O último, este mesmo ano en Santo Tirso (Portugal). Eles mesmos son conscientes de que “temos verdadeiras marabillas” que chaman a atención de expertos e afeccionados coma os que, fai uns días, participaron nas visitas guiadas organizadas pola Sociedade Española da Camelia e a Deputación de Pontevedra.
Camelias amarelas, que están de moda, algunhas aromáticas, variedades portuguesas ou traídas dende California... Este xardín destaca non só pola cantidade senón, especialmente, pola diversidade; un auténtico paraíso para os amantes da botánica.
ES
EN