Accessibility Tools

Todas

A XUNTA LICITA AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA SENDA PEONIL ANEXA Á ESTRADA PO-548, EN CORDEIRO

- O proxecto inclúe a ampliación da vía existente ata os 6 metros e a creación dun sendeiro de formigón de 2 metros de ancho

- As empresas interesadas na adxudicación poden presentar ofertas ata o día 12 de maio

EstradaIgrexaCordeiro

Valga,  21 de abril de 2026.

A Xunta de Galicia acaba de licitar por preto de 180.000 euros a construción dunha senda na vía de servizo anexa á estrada autonómica PO-548, en Cordeiro.

As empresas poden presentar ofertas ata o día 12 de maio para optar á adxudicación das obras, que teñen prazo de execución destas obras é de seis meses.

Trátase dunha actuación de mellora da mobilidade e da seguridade viaria, que facilitará os desprazamentos a pé da veciñanza.

En concreto, a intervención consistirá na ampliación da plataforma da estrada local situada na marxe dereita da PO-548, entre os puntos quilométricos 4'170 e 4'285, incrementando o ancho da calzada ata os 6 metros. Esta actuación permitirá garantir o cruce seguro de vehículos e habilitar un itinerario peonil accesible.  

Construirase unha senda de formigón coloreado de dous metros de ancho que mellorará a mobilidade peonil en condicións de seguridade na zona e permitirá a conexión coa igrexa de Santa Columba de Cordeiro. Ademais, manterase o acceso ás parcelas privadas existentes mediante un pequeno camiño de servizo de 3 metros de ancho situado xunto á senda.

O proxecto tamén contempla varias actuacións complementarias, entre elas o retranqueo ou soterramento dalgúns postes de servizos, a execución de pequenos muros de contención para estabilizar os noiros e a mellora do sistema de drenaxe da vía.