Accessibility Tools

Todas

A SONA DO BELÉN PEGA FORTE EN MADRID: O ALCALDE ALMEIDA RECIBIU A FIGURA COA QUE APARECEU REPRESENTADO NO NACEMENTO

- O alcalde, a segunda tenente de alcalde e 15 membros de Amigos do Belén estiveron hoxe no Palacio de Cibeles

- Martínez Almeida quedou impresionado polo ben representado que está o seu enlace con Teresa Urquijo

BelénAlmeida1

Valga, 15 de xuño de 2026.

O alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, xa ten a súa figura do Belén Artesanal en Movemento.

O rexedor da capital recibiu esta mañá no Palacio de Cibeles a unha delegación valguesa encabezada polo alcalde, José María Bello Maneiro, e da que tamén formaron parte a segunda tenente de alcalde, Carme Gómez, e quince integrantes da asociación Amigos do Belén coa súa presidenta, Mari Carmen Castiñeiras, á fronte. O motivo: facerlle entrega da figura que representa o seu enlace con Teresa Urquijo, que formou parte da edición 2024/2025 do Belén. Está dotada de movemento e escenifica o momento do baile nupcial no que os noivos bailaron un chotis.

O alcalde quedou impresionado co realismo da figura, na que tamén aparecía a súa irmá Casilda, e agradeceu aos membros da asociación que pensaran neles para formar parte do universo do Belén de Valga. Os representantes valgueses informáronlle que non só foi nunha ocasión, senón en dúas, posto que na última edición tamén aparecía paseando ao seu fillo acabado de nacer, Lucas.

Ademais da figura, os membros da asociación agasallárono cun lote de conservas e viño galegos.

Almeida amosouse moi próximo, interesándose por todo o relacionado co Belén: como xurdiu, cantas edicións se teñen celebrado, cantas visitas recibe... “Tengo que ir a verlo”, dixo, e tanto Bello Maneiro coma a asociación invitárono á inauguración da próxima edición. O primeiro edil madrileño comentou que xa pasou por Valga nalgunha ocasión, xa que percorreu o Camiño Portugués a Santiago..

Martínez Almeida fixo de guía improvisado para a delegación de Valga, amosándolles diferentes dependencias do Palacio de Cibeles, no que se atopan as oficinas municipais dende fai 19 anos. A Galería de Cristal, ou o Salón de Plenos foron algunhas das zonas que visitaron. E, como colofón, tiveron a ocasión de subir ata o miradoiro superior para contemplar unha fermosa panorámica da Praza de Cibeles.

Bello Maneira agradeceu ao alcalde e ao seu equipo o recibimento que lles brindaron e tanto el coma a presidenta de Amigos do Belén destacaron a notoriedade que actos coma este representan para o Belén Artesanal en Movemento, que está declarado de Interese Turístico de Galicia e para o que se está tramitando a declaración de Interese Turístico Nacional.

BelénAlmeida2 BelénAlmeida3