- A cerimonia celebrouse esta tarde no Auditorio coa participación do alcalde e da concelleira de Educación
- Os graduados destacaron os momentos compartidos cos seus compañeiros como o gran éxito desta etapa
Valga, 12 de xuño de 2026.
O Auditorio Municipal vestiuse de gala esta tarde para acoller o acto de graduación da promoción de Bacharelato 2024-2026 do IES; un evento que puxo o broche de ouro a unha etapa fundamental na vida de 33 estudantes, que hoxe pecharon o seu ciclo no instituto para mirar ao futuro con ilusión.
Chegaron ao IES en plena pandemia e, dende entón e durante seis anos, compartiron momentos, aprendizaxes e experiencias inesquecibles tanto cos seus compañeiros como cos seus mestres.
O acto, conducido por David Bañón e Ainhoa Sobrino, contou coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, que acompañaron á directora do centro, Conchi Paz. As familias tamén estiveron representadas a través de Patricia Rañó, vicepresidenta da ANPA.
O momento central da cerimonia foi a entrega de diplomas aos 33 alumnos graduados e, ademais, fíxose un recoñecemento aos mellores expedientes da promoción: Jesús Lafuente, gañador do Premio Ángel Carracedo na modalidade de Ciencias; e Martín Otero, na rama de Humanidades e Ciencias Sociais.
Máis aló dos grandes resultados académicos, os dous premiados coincidiron en destacar, como principal logro desta etapa, as experiencias vividas e os lazos creados cos seus compañeiros de pupitre.
O alcalde, José María Bello Maneiro, quixo felicitar a todos os graduados, poñendo en valor estes anos "de esforzo" no instituto. "Percorréstedes o camiño e agora acompañámosvos na celebración final. Estamos orgullosos de todos vós. Sodes o futuro", proclamou o rexedor, quen tamén gabou o traballo realizado polo equipo directivo e o profesorado, sen esquecer o papel "importante" das familias.
Pola súa banda, a directora do IES, Conchi Paz, ofreceu un discurso centrado nos valores humanos. Fixo fincapé en que o éxito para estes mozos non debe medirse tan só en títulos, senón pola capacidade de "ser boas persoas", de afrontar os "desafíos" e de aproveitar as "oportunidades" que se lles presentarán a partir de agora, xa sexa continuando coa súa formación ou iniciando novos proxectos profesionais e vitais.
ES
EN