- Tamén se executarán traballos de acondicionamento nos aseos públicos do recinto e optimizarase a recollida de augas
- As obras, que tamén afectan ás instalacións de Campaña e ao pavillón de Cordeiro, contan cun orzamento de 1’4 millóns de euros

Valga, 17 de setembro de 2026.
A mellora e modernización das instalacións deportivas municipais chega tamén ao campo municipal de fútbol de Baño, onde xa están en marcha as obras, tal e como puideron comprobar os concelleiros Álvaro Fernández e Carmen Gómez.
Neste recinto destaca a reforma integral dos vestiarios que empregan tanto o equipo local coma os visitantes. Os operarios xa retiraron os antigos sanitarios, azulexos das paredes e o piso para realizar un acondicionamento completo con novos elementos e revestimentos, garantindo un maior confort para os deportistas que os empreguen.
Ademais, levaranse a cabo melloras nas bancadas, coa substitución da actual cuberta por paneis sandwich, impermeabilización e pintado. Tamén se acondicionarán os aseos públicos destas instalacións, optimizarase a recollida de augas e renovarase o sistema de bombeo do rego automático.
Hai que lembrar que neste campo xa se substituíu, este mesmo verán, parte do céspede natural que se atopaba deteriorado.
O proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais conta cun orzamento total de 1’4 millóns de euros. Finánciase cunha subvención de 700.000 euros da Xunta de Galicia, concedida a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Para a outra metade do orzamento asinouse un convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo que permite ao Concello acceder ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
Ademais das obras en Baño, están tamén en execución traballos nas instalacións de Campaña. Estes céntranse na substitución do céspede artificial do campo máis antigo. Xa se retirou a vella moqueta, nestes días está prevista a nivelación e o asfaltado do chan e a vindeira semana podería dar comezo a colocación do novo céspede sintético de última xeración e que prescinde por completo do caucho.
Por último, no pavillón de Beiro está previsto rematar o acondicionamento da envolvente, pechar a galería existente tralas bancadas e mellorar os sistemas de climatización, contraincendios e outros equipamentos.

ES
EN