- Concertáronse máis de 40 viaxes, sendo Andalucía o principal destino
- As persoas en lista de agarda aínda poden optar a prazas que queden liberadas nos vindeiros días

Valga, 16 de setembro de 2026.
A campaña posta en marcha polo Concello para facilitar a tramitación das viaxes do Imserso pechouse hoxe despois de tres días de xestións para acadar que os pensionistas valgueses puideran acceder ás saídas do Programa de Turismo Social.
O persoal da axencia Galaica Tours desprazado a Valga atendeu entre o luns e hoxe a un total de 64 persoas, concertando máis de 40 viaxes. A maioría das reservas concentráronse en zonas de costa da Península e máis na illa de Mallorca, con estadías en hoteis de tres e catro estrelas. O destino con maior volume de prazas foi Andalucía, en concreto as provincias de Almería, Málaga e Cádiz.
Segundo explicou Tino Rodríguez, axente de Galaica Tours, todos os veciños que estaban citados para a xornada do día 14 conseguiron o seu destino. Na xornada de onte pecháronse a meirande parte das viaxes e hoxe "tamén puidemos ofrecer saídas culturais a zonas coma Palencia, Valladolid e Cantabria".
Aquelas persoas que nesta primeira quenda non obtiveron praza permanecen en lista de agarda á espera de que nas vindeiras datas poidan producirse baixas e se liberen novas opcións. Aínda que Galaica Tours non dispón de oficina física no municipio, dende a axencia amósanse comprometidos a seguir prestando atención aos veciños de Valga: "Nos vindeiros días continuaremos pendentes de calquera oportunidade que apareza e de prazas que queden libres para ofrecerllas aos veciños e que todos poidan ter a ocasión de viaxar. Incluso aos que xa teñen viaxes pechadas trataremos de ofrecerlles algunha outra opción para que poidan facer máis dunha saída", indicou o axente.
Con esta iniciativa, o Concello de Valga volve amosar o seu apoio aos maiores do municipio, achegándolles os servizos e facilidades necesarias para gozar do programa de Turismo Social do Imserso despois de que o Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo suprimira o convenio que mantiña dende hai anos co Concello, e que permitía a Valga dispoñer de case 100 prazas propias para distribuír entre os veciños. “Esta decisión do Ministerio, coa que non estamos para nada de acordo, perxudica claramente aos valgueses”, lamenta o alcalde, José María Bello Maneiro.

ES
EN