Accessibility Tools

Todas

DE CANTEIRAS DE ARXILA A ESPAZOS DE REFERENCIA AMBIENTAL: VALGA AMOSA A TRANSFORMACIÓN DAS SÚAS MINAS

- A ruta organizada pola Cámara Mineira de Galicia reuniu a unha vintena de persoas interesadas no pasado mineiro do municipio

- O alcalde explicou os proxectos promovidos polo Concello para recuperar este patrimonio para uso público

RutaPatrimonio1

Valga, 3 de outubro de 2026.

O patrimonio mineiro de Valga foi hoxe protagonista da andaina organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e na que participaron unha vintena persoas, entre elas a directora da COMG, Arantxa Prado, e o alcalde, José María Bello Maneiro, que aproveitou para explicar aos camiñantes os proxectos impulsados dende o Concello para poñer en valor este patrimonio e para recuperar para o uso público espazos degradados antano pola acción da minería.

Mina Mercedes e Porto Piñeiro, hoxe convertidos nos maiores lagos artificiais da provincia de Pontevedra, son dous exemplos inmellorable. A Mina Mercedes foi unha antiga explotación de arxila a ceo aberto, que se mantivo activa ata a década de 1990. Ao rematar a súa actividade, as augas subterráneas e a chuvia convertérona na maior lagoa de orixe non natural da provincia. Ao seu redor acondicionouse un paseo de case un quilómetro, con arborado, iluminación. áreas de lecer, miradoiros e pantaláns para uso recreativo.

Co paso do tempo formouse, ademais, un ecosistema de grande valor natural, con comunidades vexetais compostas por salgueiros, amieiros e freixos. E, en contacto coa auga, a espadana, a palla real ou a platanaria. Estableceuse, ademais, unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.

A súa lagoa xemelga, a Mina Porto Piñeiro de 5’32 hectáreas de superficie, estivo tamén dedicada á extracción de arxila para a produción de cerámica e materiais de construción nas fábricas que existían na contorna.

Actualmente atópase en proceso de rexeneración para destinala a usos sociais e recreativos. Unha praia artificial, piscina, un parque acuático, un escenario flotante con bancadas, sendas peonís e ciclables son algúns dos elementos que incluíra esta área de lecer, na que o investimento acada xa os tres millóns de euros. O proxecto global ascende ata os 14 millóns.

O percorrido polos sendeiros que bordean estas dúas lagoas permitiu coñecer a evolución das canteiras orixinais e a súa posterior conversión es espazos de valor ambiental e social a través dos comentarios do xeólogo Eduardo González Clavijo, que exerceu de guía. Explicou, por exemplo, o contexto xeolóxico destas antigas minas e o motivo da riqueza mineira desta zona. As arxilas foron arrastradas polas augas do Ulla e a confluencia deste cos ríos Valga e Louro favoreceu a formación de pequenos lagos nos que quedaron acumuladas.

É por iso que a extracción de arxila nesta zona remóntase a máis de 2.000 anos atrás, con evidencias arqueolóxicas que apuntan a unha actividade prerromana. A finais do século XIX e comezos do XX existiron pequenas empresas cerámicas coma as coñecidas “telleiras”, das que se conservan restos en Vilar. Foi en 1921 cando a empresa Escudero y Cía construíu unha factoría no lugar hoxe ocupado por Urovesa e industrializou a produción de ladrillos, tellas e bovedillas. En 1927 o control da fábrica pasou a Novo y Sierra e “esta foi a época na que se produciu un boom, con grandes investimentos coma o do cable aéreo ata o río Ulla”, sinala Eduardo González.

Para coñecer máis sobre esta infraestrutura pioneira na época, os camiñantes desprazáronse ata o embarcadoiro de Santa Cristina. No lugar que hoxe ocupa o pantalán flotante existiu dende 1927 un pequeno porto fluvial do que partía un teleférico de 800 metros de lonxitude que chegaba ata a fábrica. Algunhas torres metálicas e outros vestixios deste funicular aínda se conservan tamén na zona. Ata este pequeno embarcadoiro chegaban por vía fluvial arxilas de Mesía que se mesturaban coas locais para acadar unha materia prima de máis calidade. Transportábanse á fábrica no teleférico e os produtos acabados levábanse ao porto mediante este mesmo sistema e, dende alí, distribuíanse en barco a outros destinos.

RutaPatrimonio2 RutaPatrimonio3