Accessibility Tools

Todas

A ESCOLA DE MÚSICA APOSTA POLA DIVULGACIÓN CULTURAL CON CONCERTOS DIDÁCTICOS PARA ESCOLARES DE INFANTIL E PRIMARIA

- Celebráronse no Auditorio e asistiron arredor de medio milleiro de alumnos de centros valgueses e de Pontecesures

- Os mestres da Escola interpretaron un conto musical e animaron algúns rapaces a subir ao escenario

ConcertoDidáctico1

Valga,  7 de outubro de 2026.

A Escola de Música Municipal de Valga aposta pola divulgación musical a través de concertos didácticos coma os celebrados nas últimas xornadas no Auditorio e aos que asistiron arredor de 500 alumnos de Infantil e de Primaria de centros educativos valgueses e tamén de Pontecesures: o CRA de Valga, o CEIP Baño-Xanza, o CEP Xesús Ferro Couselo, o CPI Pontecesures e os usuarios do CODI gozaron dunha sesión chea de ritmo, aprendizaxe e diversión.

O profesorado da Escola de Música foi o encargado de ofrecer estes concertos. Interpretaron un conto musical no que a historia xiraba arredor dunha nena apaixonada pola música que ía percorrendo diferentes mundos sonoros. A trama serviu para presentar as distintas familias instrumentais: corda, percusión, vento madeira e vento metal. A través desta posta en escena, os escolares puideron identificar de forma amena e directa os sons e características de cada instrumento.

A actividade destacou, ademais, polo seu carácter interactivo. Foron varios os rapaces que se animaron a subir ao escenario para probar os instrumentos e, mesmo, pórse na pel de directores de orquestra por un día.

Con actividades coma esta Escola Municipal de Música mantén o seu compromiso coa formación cultural e o fomento do interese pola música entre a mocidade do concello e da bisbarra.

ConcertoDidáctico2 ConcertoDidáctico3