- O concelleiro Álvaro Fernández estivo hoxe nas instalacións para interesarse sobre como se desenvolverán os traballos de instalación
- A nova superficie, de última xeración, prescinde dos microplásticos e emprega no seu lugar unha base ecolóxica de carozos de millo

Valga, 8 de outubro de 2026.
As obras de renovación integral do campo de fútbol das instalacións deportivas municipais de Campaña continúan experimentando avances. Tras varias semanas de traballos previos —nos que se retirou a vella herba artificial de 25 anos de antigüidade, se fresou o pavimento e se estendeu outra capa asfáltica de base—, esta mañá recibiuse o novo céspede sintético de última xeración que cubrirá o terreo de xogo.
Dous camións transportaron o material dende Sebia, onde foi fabricado polo grupo Tarkett (especializado na produción de pavimentos e revestimentos como vinilos, parqués ou solos téxtiles). Son máis de 7.000 metros cadrados de céspede, distribuídos en 25 rolos, cos que se cubrirán toda a superficie do terreo de xogo, que ten unhas dimensións de 104 x 72’8 metros.
O concelleiro Álvaro Fernández achegouse ata Campaña para participar na recepción do céspede e interesarse por como se levará a cabo a súa instalación. Os traballos de colocación arrancarán mañá mesmo e prevese que se prolonguen durante arredor de dúas semanas. A obra corre a cargo da empresa barcelona FieldTurf e contará como instalador con Daniel Vidal, o mesmo profesional que xa se encargou do terreo de xogo orixinal fai un cuarto de século.
A nova superficie cumpre cos estándares FIFA Quality Pro, está deseñada para un uso intensivo e garante un rendemento de alta duración. Xunto coa moqueta instalarase unha base elástica amortiguadora (Alveosport), destinada a absorber impactos e mellorar o rebote do balón.
Como principal novidade ecolóxica, o Concello adiantouse á normativa europea que prohibirá o uso de caucho en 2031 para reducir a contaminación por microplásticos. Por iso, o proxecto prescinde por completo deste material e emprega no seu lugar un recheo ecolóxico a base de carozos de millo. Este compoñente achega vantaxes como unha maior sustentabilidade, unha mellor amortiguación e a redución da calor acumulada no terreo de xogo.
Ademais, a superficie incorpora protección contra os raios UVA, conta coas liñas do terreo de xogo xa tinguidas na propia fibra e dispón da homologación do CSIC, que garante a reciclaxe de todos os seus compoñentes ao final da súa vida útil.

ES
EN