Accessibility Tools

Todas

VALGA CONVÉRTESE NO ESCENARIO DE RODAXE DE “MÉTODO", A PRIMEIRA PELÍCULA DE TITO REFOXO E BRAIS DO REI

- Gravarán no Auditorio Municipal e na Casa da Torre con actores coma Miguel de Lira ou Chechu Salgado

- Co seu último traballo, a curtametraxe “Nai”, os dous valgueses foran nominados aos premios Mestre Mateo

Metodo1

Valga, 14 de novembro de 2026.

Os valgueses Brais do Rei e Tito Refoxo rodarán a partir da vindeira semana a súa primeira película e farano, como non, na súa terra. O Auditorio Municipal e a Casa da Torre son os espazos elixidos para a grabación do filme “Método”, un thriller psicolóxico que explora as debilidades do ser humano, os seus vicios e as consecuencias das súas decisións. Unha reunión entre amigos, unha noite de excesos e unha serie de acontecementos inesperados arrástrannos cara a un universo de tensión, segredos e conflitos, onde a culpa, a ambición e a necesidade de control poñen a proba os límites da condición humana.

Dirixido por Tito Refoxo e coa participación no guión de Brais do Rei, Sergio Mesía, e Julián Rodríguez Novo, a película conta con recoñecidas figuras da interpretación galega e do panorama estatal que acumulan traballos en cine, televisión e teatro, así como premios e recoñecementos. Como exemplos, Miguel de Lira, o eterno Currás de “Mareas Vivas”; ou Chechu Salgado, con un Premio Goya actor revelación. Tamén participan Andrea Vilariño (premio á mellor actriz no último festival de Cans), Denis Gómez (“Neboa”, “Fariña”), ou Susana Sampedro (“Matalobos”, “Clanes”). O elenco complétase con Felipe Pariente, Kevin Steward, Paloma Steward, Martina Bravo, Sergio Mesía e Fran Paz, que achegan a súa experiencia en diferentes ámbitos da interpretación teatral, a dobraxe e producións independentes en Galicia.

Este traballo chega tralo éxito acado por Tito Refoxo e Brais do Rei coa curta “Nai”, coa que o pasado ano acadaron una nominación aos Premios Mestre Mateo. “Funcionou moi ben. Estivemos en máis de 30 festivais en catro continentes, acadamos dez premios… Foi unha sorpresa, pero iso motivounos a continuar con novos proxectos e propuxémonos dar o salto á primeira longametraxe. Tratamos de manter o equipo que funcionou tan ben e tamén de traballar na nosa contorna, porque é onde máis cómodos nos sentimos”. De aí a súa aposta por Valga para unha rodaxe que se realizará entre os días 17 e 28 de novembro. Nela participará tamén a Escola Municipal de Teatro, que aportará extras para algunhas das escenas.

As expectativas que teñen son grandes, aínda que “somos conscientes de que agora mesmo hai moitos produtos”.  Conseguir entrar en festivais e estrear “Método” nas máximas salas de cine posibles é o que ansían, “e que isto nos leve a outros proxectos maiores nos que xa estamos traballando. É a nosa oportunidade e, se funciona como o fixo a curta, ao mellor podemos dar outro paso máis”.

Regreso ás orixes

Coa película “Método” Brais e Tito regresan a onde deron os seus primeiros pasos no ámbito artístico: o Auditorio Municipal. Ambos saíron da Escola Municipal de Música e, co tempo, Brais continuou pola senda musical mentres que Tito apostou pola interpretación. Leva cinco anos de traxectoria como actor, participando en proxectos coma “Clanes” ou “Rapa”.

Metodo2