- O alcalde e o director de Turismo de Galicia inauguraron onte a 32 edición do nacemento, declarado de Interese Turístico de Galicia
- Pode visitarse de balde ata o 10 de xaneiro: de luns a venres polas tardes e os sábados, domingos e festivos tamén pola mañá

Valga, 22 de novembro de 2026.
O Belen Artesanal está en marcha e con el chega o Nadal a Valga. O alcalde, José María Bello Maneiro, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, inauguraron este mediodía a 32 edición do nacemento, declarado de Interese Turístico de Galicia e que poderá visitarse ata o vindeiro 10 de xaneiro. Acompañáronos o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; a directora territorial de Cultura, Isabel Couselo; e o deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, que, guiados pola presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, puideron coñecer de primeira man todas as novidades e incorporacións que repasan os principais acontecementos e problemáticas sociais do último ano.
Por exemplo, as dificultades para atopar vivenda, representada a través do edificio da serie televisiva “Aquí no hay quien viva” e as acampadas de protesta que nas últimas semanas se produciron en prazas de toda España coma a do Obradoiro. Outras das escenas do Belén aluden á crise migratoria de Ceuta, ás traxedias ferroviarias, cunha homenaxe ás vítimas, e á vaga de incendios forestais, poñendo en valor o traballo que realizan os profesionais da loita contra o lume. En clave política, a campaña electoral que está en marcha é un dos eixos, cos candidatos dos principais partidos en liza.
Entre os acontecementos máis salientables dos últimos meses a nivel nacional, a visita do Papa a España. León XIV saúda aos fieis dende o Papa Móbil, nunha das figuras con movemento, e asiste ao concerto celebrado no estadio Bernabéu, con David Bustamante, Diana Navarro e Daniel Diges. De repercusión internacional, a intervención militar de Estados Unidos en Venezuela coa detención de Nicolás Maduro e o ascenso de Delcy Rodríguez á Presidencia; a misión espacial Artemis II; ou a morte do Rei Harald de Noruega, co posterior funeral de Estado.
No apartado deportivo, prevalece o Mundial de Fútbol coa Selección Española levantando o trofeo trala vitoria ante Arxentina, Rodri espantando a Trump para botalo da foto, Shakira interpretando o himno e un dos protagonistas máis inesperados: o irmán pequeno de Lamine Yamal, que causou sensación. O ascenso do Deportivo a Primeira División, con Yeramay, Mella e o resto do equipo celebrando, tamén ten reservado un espazo no nacemento, ao igual que os gañadores do Balón de Ouro masculino e feminino: Harry Kane e Alexia Putellas. Seguindo co deporte, o Belén tamén recoñece os logros do equipo español de ximnasia rítmica campión do mundo e da ciclista compostelana Alejandra Neira, gañadora do Mundial en Ruta Júnior e do Europeo de Contrarreloxo.
En clave social, houbo algo do que se falara máis nos últimos tempos que do eclipse solar converteu o día en noite no mes de agosto? E a crónica rosa tamén aporta contido ao nacemento coas vodas do ano. Unhas acaban ben, por agora, coma a de Ronaldo e Georgina. E outras... coma o rosario da aurora, coma o sonado casamento de Gomesende (Ourense) no que voaron vasos e botellas entre rumores de infidelidades e reclamacións monetarias.
Por último, as homenaxes póstumas que sempre realiza o Belén lembran a personaxes coma a actriz Gemma Cuervo, o deseñador Valentino, a cantante Bonnie Tyler, o mago Juan Tamariz, o xornalista Fernando Ónega, os actores Chuck Norris e Fernando Esteso e o político Xosé Manuel Beiras, entre outros.
Durante a inauguración, a presidenta de Amigos do Belén agradeceu o “apoio de todas as institucións, empresas” e entidades que fan posible o Belén Artesanal, así coma dos milleiros de persoas que cada ano acoden a velo. O alcalde deu os parabéns aos “artistas” de Amigos do Belén, “dos que os valgueses nos sentimos moi orgullosos” porque grazas ao Belén “Valga é coñecida en toda España”. Tamén interviu o director de Turismo de Galicia, que este Nadal conta coa súa propia figura no nacemento. “Hai un gran esforzo detrás deste Belén”, subliñou, “e é un orgullo ver como se converte nun dos grandes acontecementos do Nadal en Galicia”.
O nacemento, con entrada de balde, pode visitarse de luns a venres de 17:30 a 20:30 horas e os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. Fóra deste horario os grupos tamén poden fixar visitas chamando ao teléfono 630 95 25 15.


ES
EN