- Esta nova fase inclúe un edificio de usos múltiples con aseos, a instalación de xogos e mobiliario
- As empresas teñen de prazo ata o vindeiro 14 de decembro para presentar as súas ofertas

Valga, 21 de novembro de 2026.
Está aberto o proceso de contratación dunha nova fase de obras na lagoa de Porto Piñeiro. Trátase do proxecto “Dotación de equipamento e posta en valor da área de lecer e deportiva de Porto Piñeiro”, valorado en 860.027’24 euros, para seguir avanzando na rexeneración desta antiga mina de extracción de arxila e na súa conversión en área de lecer.
Completarase o equipamento da zona norte (a máis próxima á Mina Mercedes) mediante a construción dun edificio modular para usos múltiples e con aseos, instalaranse xogos infantís, tanto de terra como de auga, e habilitaranse máis zonas de tránsito e estancia para persoas. Tamén se completarán as redes de saneamento, abastecemento e alumeado público e colocarase equipamento ciclista e mobiliario urbano.
As actuacións financiaranse integramente con fondos da Deputación Provincial: 700.000 euros do do Plan Extra e os restantes 160.000 cos recursos do Plan +Provincia que corresponden ao Concello de Valga. O prazo para que as empresas presenten ofertas estará aberto ata o 14 de decembro.
Deste xeito, a transformación de Porto Piñeiro, un espazo desgradado pola acción mineira, continúa avanzando. O investimento nos últimos anos acada xa os tres millóns de euros, cos que se habilitaron sendas peonís e ciclables, crearonse zonas axardinadas con plantacións de arborado, un parque infantil na zona sur e agora estase a completar a rede de sendeiros, a creación dunha praia artificial, a construción dunha piscina e as bancadas para un escenario flotante, entre outras obras.
Todo isto financiado mediante subvencións da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e fondos europeos Next Generation.
ES
EN