- A ponte peonil, de 19 metros de lonxitude, permite atravesar o río Valga
- Substituíron vigas, travesas e as táboas do piso deterioradas, empregando madeira tratada

Valga, 27 de agosto de 2026.
O alumnado da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia está a executar traballos de rehabilitación e mellora da ponte de madeira sobre o río Valga existente no lugar de Souto (Campaña).
Trátase dunha pasarela peonil duns 19 metros de lonxitude que, debido ao paso do tempo e á exposición continuada á humidade e ás inclemencias meteorolóxicas, presentaba un importante estado de deterioro en determinadas partes da súa estrutura. Para recuperar a seguridade e a funcionalidade da ponte, os aprendices de carpinteiro procederon á retirada e substitución das partes danadas, como algunhas vigas principais e travesas, que foron substituídas por pezas novas de madeira tratada para garantir a súa durabilidade.
Así mesmo, renováronse as táboas que forman o piso da pasarela e as varandas laterais para protexer o paso dos peóns.
En canto ás partes antigas da estrutura que se conservaron, os alumnos realizaron labores de saneamento e posterior tratamento protector con ‘lasur’, un produto deseñado especialmente para a madeira en exteriores para favorecer o seu mantemento.
Con esta actuación, os participantes no Obradoiro non só adquiren experiencia práctica no oficio de carpintería, senón que contribúen a recuperar e poñer en valor o patrimonio e infraestruturas locais.
No Obradoiro Ulla-Umia, que desenvolven conxuntamente os concellos de Valga, Moraña e Portas, participan un total de vinte persoas desempregadas, que reciben formación teórica e práctica nas especialidades de traballos forestais e carpintería.

ES
EN