Accessibility Tools

Todas

O XURADO DO PREMIO XESÚS FERRO COUSELO VALOROU ESTE MEDIODÍA OS OITO TRABALLOS PRESENTADOS AO CERTAME

- As obras gañadoras nas dúas modalidades daranse a coñecer o día 30 xullo, coincidindo co aniversario do nacemento do historiador valgués

- O certame, convocado polo Concello dende 1996, trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas

XuradoPXFC1

Valga, 28 de xullo de 2026.

O xurado da vixésimo sétima edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reuniuse esta mañá de forma telemática para deliberar sobre os traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades.

A xuntanza contou coa participación da segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, que exerceu de presidenta, e que acompañou ao membros do tribunal: Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Ademais, nesta edición incorporáronse outras dúas integrantes ao tribunal: Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago, na que é mestra de Historia Contemporánea e membro do grupo de investigación “Histagra”; e Fátima Braña Rey, profesora de Antropoloxía Social na Universidade de Vigo.

A composición do xurado completouse coa técnica municipal e responsable do Museo da Historia Vanessa Losada, que exerceu como secretaria.

Antes de dar comezo ás deliberacións e valoracións dos traballos presentados, o alcalde, José María Bello Maneiro, agradeceu a participación de todos os integrantes e, en especial, a Ana Cabana e Fátima Braña, ás que deu a benvida e convidou a visitar Valga para coñecer o municipio, a súa historia e aos seus persoeiros máis polo miúdo.

Ademais, aproveitou para anunciarlles a todos que o Concello iniciou recentemente os trámites e contactos para solicitar á Real Academia Galega que dedique un Día das Letras Galegas ao Padre Isorna, coma no ano 1996 aconteceu con Ferro Couselo. Foi, precisamente, aquel acontecemento o que deu orixe a este Premio de Investigación.

Son oito os traballos que optan a gañar esta XXVII edición do certame nas súas dúas modalidades.  Á primeira, dotada con 4.000 euros, presentáronse catro propostas. Está referida a traballos de investigación de ámbito galego nas especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron outros catro traballos. Neste caso os participantes debían presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu proxecto, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os gañadores do premio daranse a coñecer o día 30 de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo.

XuradoPXFC2