- Aos lugares xa habituais súmanse Barcia, Senín, Xanza e Moldes, onde estará dende hoxe e ata o 1 de decembro
- Neste colector poden depositarse cristais, aceite, bombillas, teléfonos ou pequenos aparellos electrónicos, entre outros residuos

Valga, 20 de novembro de 2026.
O Concello, a través do departamento de Medio Ambiente, estende o percorrido do Punto Limpo Móbil a novos emprazamentos co obxectivo de facilitar aínda máis a recollida selectiva entre a veciñanza e seguir avanzando na xestión sostible dos residuos. A partir de hoxe mesmo, o servizo quedará instalado nas inmediacións do parque de Moldes, en Cordeiro, onde permanecerá ata o vindeiro 1 de decembro.
A esta nova etapa sumaranse tamén outras localizacións coma o parque de Barcia, o cruceiro de Xanza e Senín, continuando así o labor iniciado o pasado mes de xuño grazas a este equipamento adquirido cunha subvención da Xunta de Galicia. Manteranse, ademais, os lugares xa habituais: Casal de Eirigo, Eirexe (Setecoros), Vilares-Martores, Vilarello, Vilar, Parafita, Igrexa de San Miguel e O Pino. A finalidade é continuar achegando o servizo a quen non pode desprazarse ata o Punto Limpo fixo de Campaña, fomentar hábitos responsables e evitar vertidos incontrolados.
O Punto Limpo Móbil dispón de catorce bocas adaptadas para recoller de forma segura residuos que non se deben botar nos colectores comúns: poliespan branco, espellos e cristais, aceite doméstico usado, filtros de aceite, roupa e calzado, fluorescentes, bombillas, pilas, móbiles e cargadores, tóner de impresoras, siliconas, aerosois, pequenos aparellos electrónicos e pequenos restos metálicos.
Este servizo é complementario ao do Punto Limpo fixo (que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde e que os veciños de Valga poden empregar de balde), á planta de residuos da construción e á recollida de voluminosos porta a porta, que tamén é gratuíto e realízase con periodicidade mensual.
ES
EN