Accessibility Tools

Todas

AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DE CAMPAÑA CONTINÚAN A SÚA MODERNIZACIÓN CON MELLORAS NA ILUMINACIÓN E NA PISTA DE TENIS

- O proxecto inclúe a instalación de 64 focos LED de alta eficiencia e a renovación integral do pavimento e equipamento da pista

- As obras están en fase de licitación e as empresas teñen de prazo ata o 14 de decembro para presentar ofertas

TenisCampaña

Valga, 20 de novembro de 2026.

Trala renovación integral do céspede sintético dun dos campos de fútbol e o acondicionamento das bancadas, as instalacións deportivas de Campaña continuarán someténdose a melloras que, desta volta, afectarán ao alumeado e á pista de tenis.

O proxecto, que está en licitación, inclúe a subministración e instalación de 64 proxectores de luz LED de alta eficiencia para mellorar a iluminación do complexo deportivo. En canto á pista de tenis, renovarase por completo retirando o actual pavimento para substituílo por outro con base de saburra compactada e formigón. Tamén se colocará unha canle de drenaxe perimetral, unha varanda de protección e portas de acceso. Completarase a mellora coa dotación da rede, postes e outros accesorios regulamentarios, ademais do marcado das liñas de xogo.

A intervención responde ao obxectivo de modernizar as instalacións, fomentar a práctica deportiva e corrixir o estado actual dalgunhas infraestruturas que xa non reunían as condicións axeitadas. O orzamento ascende a 110.659’14 euros, que se financiarán con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

As empresas que queiran optar á adxudicación teñen de prazo ata o 14 de decembro para presentar ofertas.