Accessibility Tools

Todas

O PUNTO LIMPO MÓBIL RECOLLEU NA SÚA PRIMEIRA SEMANA DE FUNCIONAMENTO MÁIS DE 40 QUILOS DE RESIDUOS

- O máis depositado polos usuarios foron téxtiles, pilas e poliespán branco

- A estrea foi en Casal de Eirigo e agora atópase no cruce entre Vilares e Martores, na parroquia de San Miguel

PuntoLimpoMóbil1

Valga, 11 de xuño de 2026.

O novo Punto Limpo Móbil de Valga completou a súa primeira semana de funcionamento cun balance moi positivo. Na súa estrea en Casal de Eirigo, onde permaneceu entre os días 3 e 9 de xuño, o servizo recolleu máis de 40 quilos de residuos domésticos, quedando demostrada a súa eficacia para achegar a reciclaxe ás distintas parroquias e lugares do municipio.

Durante estes primeiros días os veciños da zona aproveitaron a estadía deste contedor itinerante para depositar aqueles residuos que non teñen cabida nos colectores convencionais. Ao peso, os materiais máis recorrentes foron o téxtil (especialmente calzado) e as pilas, dous dos residuos que máis se adoitan acumular nos fogares. En volume, o máis depositado foi poliespan branco e tamén se recolleron algúns aparellos eléctricos, teléfonos móbiles, aerosois e restos metálicos, entre outros.

Dende o goberno local valórase moi positivamente esta resposta cidadá. Este modelo de recollida itinerante busca, precisamente, eliminar as distancias e facilitar que calquera persoa poida desfacerse dos seus residuos de forma eficiente, sustentable, gratuíta e coa necesidade dos menores desprazamentos.

Despois deste arranque en Casal de Eirigo, o Punto Limpo Móbil continúa co seu calendario programado, percorrendo diferentes núcleos de Valga para fomentar a reciclaxe e a protección do medio ambiente. Dende onte e ata o martes 16 atópase emprazado no cruce entre Vilares e Martores, na parroquia de San Miguel. E estas serán as seguintes paradas:

  • Eirexe – Setecoros, xunto ao local social (do 17 ao 22 de xuño)
  • Vilarello, xunto a á escola (do 23 ao 30 de xuño)
  • Parque de Parafita (do 1 ao 7 de xullo)
  • San Miguel, nas inmediacións da igrexa (do 8 ao 14 de xullo)
  • O Pino, fronte ao bar Os Camioneros (do 15 ao 21 de xullo)

Os residuos que poden depositarse son: poliespan branco, espellos e cristais, aceite doméstico usado, filtros de aceite, roupa e calzado, fluorescentes, bombillas, pilas, móbiles e cargadores, toner de impresoras, siliconas, aerosois, pequenos aparellos electrónicos e pequenos restos metálicos.

Este servizo é complementario ao do Punto Limpo fixo, que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde e que os veciños de Valga poden empregar de balde.

Ademais, tamén se mantén a recollida de voluminosos porta a porta con periodicidade mensual. Realízase os últimos martes de cada mes e é tamén gratuíta. Os avisos deben realizarse no teléfono 699 14 97 84.

PuntoLimpoMóbilPilas PuntoLimpoMóbilPoliespan