Accessibility Tools

Todas

O PUNTO LIMPO MÓBIL RECOLLEU MÁIS DE 800 QUILOS DE RESIDUOS NOS PRIMEIROS MESES DE FUNCIONAMENTO

- O Pino (200 kg), Martores (180) e San Miguel (140) foron os lugares con maior volume de depósito

- O obxectivo deste servizo é achegar a recollida selectiva ás distintas parroquias e lugares do municipio

PuntoLimpoMóbil

Valga, 1 de setembro de 2026.

O Punto Limpo Móbil, que o Concello puxo en servizo a comezos do mes de xuño, vén de pechar o seu primeiro ciclo polas diferentes parroquias cun total de 820 quilos de residuos recollidos. Este colector itinerante, adquirido para achegar a recollida selectiva á veciñanza e facilitar a reciclaxe, está a demostrarse como unha ferramenta eficaz para evitar que materiais contaminantes ou de difícil xestión rematen no lixo convencional.

Á cabeza da recollida sitúase o lugar de O Pino, onde se rexistrou o maior volume total con 200 kg., seguido moi de preto por Martores, con 180 kg., e San Miguel, con 140. No resto das localizacións tamén se lograron cifras significativas: Vilarello e Vilar acadaron os 80 kg. cada un, Setecoros rexistrou 60 kg., e tanto Casal de Eirigo coma Parafita sumaron 40 kg. respectivamente.

O cristal, a roupa e as pilas, entre os materiais máis depositados

En canto ao tipo de residuos, o cristal foi o material con maior peso total recollido, sumando 254 quilos. Entre estas cifras destacan especialmente os 120 kg. recollidos en Martores (onde se completou a capacidade do contedor) e os 56 kg. rexistrados en Vilarello, ademais dos 40 kg. alcanzados en San Miguel.

Outro dos colectores con maior demanda por parte da veciñanza foi o de roupa e residuos téxtiles, que completou a súa capacidade (18 kg.) en seis dos oito puntos de recollida (Casal de Eirigo, Martores, Setecoros, San Miguel, O Pino e Vilar), acadando un total de 124 kg. en todo o municipio.

A recollida de pilas acumulou un total de 95 quilos, con marcas destacadas de 18 kg. en lugares como Casal de Eirigo, Martores, San Miguel e O Pino.

Así mesmo, rexistráronse outras cifras relevantes asociadas a residuos de orixe doméstica e tecnolóxica, destacando de xeito especial o lugar de O Pino, onde se recolleron 50 kg. de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos (PAAES), 46 kg. de metal e 32 kg. de aceite de cociña usado. En conxunto, a suma total no municipio acada os 94 quilos de PAAES, 81 de metal e 76 de aceite doméstico.

A posta en marcha do Punto Limpo Móbil supón un avance na estratexia ambiental do Concello. Entre as súas principais vantaxes atópase a de evitar desprazamentos para desbotar pequenos residuos especiais, favorecendo o correcto tratamento de materiais coma fluorescentes, tóners, móbiles ou aerosois, entre outros.

Desde o Concello faise un chamamento á cidadanía para realizar un uso correcto e responsable do Punto Limpo Móbil, depositando cada tipo de residuo na boca correspondente. Igualmente, lémbrase que se algún residuo, polo seu tamaño, non entra no contedor ou se este xa se atopa cheo, non debe depositarse no espazo público, senón que debe levarse ao Punto Limpo fixo de Campaña, que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde.

TablaPuntoLimpo