- O gañador na categoría de caña branca recibirá 500 euros e as mellores augardentes de herbas e tostadas acadarán 300 euros
- Os participantes deben estar empadroados ou elaborar a caña con produto procedente de terreos situados en Valga

Valga, 16 de xullo de 2025.
O XXXVI Concurso da Caña do País está en marcha. O Boletín Oficial da provincia publicou hoxe as bases do certame co que o Concello de Valga enxalza un dos seus produtos máis tradicionais: a augardente e os licores derivados dela. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 25 de agosto.
Como novidade, este ano non só poden participar produtores e destiladores artesanais empadroados en Valga, senón tamén persoas que elaboren a caña con produto procedente de terreos situados no termo municipal de Valga; é dicir, con bagazo de viñedos valgueses.
Mantéñense as tres modalidades habituais: caña branca, tostada e de herbas. E os premios que se repartirán entre os concursantes ascenden a 1.450 euros en total. O produtor da mellor caña branca será gratificado con 500 euros, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 300 euros. Os segundo clasificado da caña branca recibirá 150 euros, e nas outras dúas categorías , 100 euros.
O vencedor de cada unha das modalidades deberá entregar ao Concello o garrafón da augardente premiada.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 14:00 horas do día 25 de agosto. Coa finalidade de manter a imparcialidade do certame e o anonimato dos participantes, estes deberán presentar as augardentes nun envase específico que recollerán, con anterioridade, nas oficinas do Concello. Entregarán os licores debidamente embotellados e tamén un sobre pechado coa ficha de inscrición e datos persoais (enderezo e teléfono de contacto).
As catas das augardentes terán lugar os días 27 e 28 de agosto nas instalacións do Centro de Interpretación da Caña do País e os gañadores daranse a coñecer o día 29 durante os actos da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
ES
EN