Accessibility Tools

Todas

O ALCALDE E A CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE ASISTIRON Á FESTA DA CAZA E DO RURAL GALEGO

- Reivindicaron a importancia da caza para a xestión medioambiental e participaron no acto de entrega de premios

- Mercado de artesanía e produtos gastronómicos, mostras de cans e cetrería e degustación de carne de caza son algunhas das actividades do programa

FestaCazaRural1

Valga, 19 de xullo de 2026.

O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu esta mañá á I Festa da Caza e do Rural Galego que, durante toda a xornada, se está a celebrar no Parque Irmáns Dios Mosquera. Asistiu tamén a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e xa ao mediodía o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.

Todos quixeron reivindicar o rural galego e o valor da actividade cinexética para a xestión ambiental. “Sen caza teriamos un problema de carácter ambiental brutal”, remarcou a conselleira, referíndose á superpoboación de especies coma o xabarín ou o lobo e as perdas que provocan noutros sectores rurais coma a agricultura e a gandería. “Debemos protexer estas actividades económicas e buscar un equilibrio” que permita a coexistencia de ambas, engadiu a responsable autonómica, que felicitou ao Concello de Valga por acoller esta celebración: “Este é un municipio para poñer como exemplo en toda Galicia”.

O alcalde amosouse “encantado” de que a I Festa da Caza e do Rural Galego se celebre en Valga e “esperamos que siga celebrándose en anos vindeiros”. Ademais, desexoulle a todas as persoas chegadas dende outras localidades que “desfruten do noso concello e de todas as actividades” que forman parte do programa.

Exposicións de cans de caza e de aves de cetrería, obradoiro de elaboración de moscas, demostracións de pesca, tiro con arco, mercado de artesanía e produtos gastronómicos e degustación de carne de caza foron algunhas destas actividades. O pregoeiro da festa foi Michel Coya, que cun “Viva o rural” pediu leis feitas por e para o rural e non redactadas dende os despachos nas cidades.

Durante a mañá entregáronse os premios “Xuntos pola caza”, un recoñecemento público a persoas e entidades que traballan pola defensa do rural e da actividade cinexética, así como na divulgación dos valores sociais e ambientais da caza. O valgués Antonio Santiago Gregorio (Tucho) foi galardoado co premio “Toda unha vida”, pola súa traxectoria dedicada ao rural. Os mozos Antía, Iván e Fran (premio “Fervor cinexético”), o pregoeiro Michel Coya (como cazador exemplar), a Supercopa Galicia Terra de Melide de rastro (Evento cinexético galego), o Safari Club Internacional (entidade cinexética) e a conselleira Ánxeles Vázquez (premio “Defensa da caza”) foron outros dos galardoados. Ademais, o alcalde tamén recibiu un agasallo pola súa colaboración para que a festa saíra adiante.

Antes do xantar, realizouse unha ofreda floral a San Huberto, patrón dos cazadores, coa participación do párroco Arturo Lores. A imaxe foi trasladada dende a igrexa de San Miguel nunha procesión cabalar.

FestaCazaRural2 FestaCazaRural3