Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO TRANSMITE A SÚA TRISTURA POLO FALECEMENTO DA AVOA DE VALGA, MARÍA TARRÍO

- A centenaria, natural de Moldes pero veciña de Eiras, cumprira 103 anos no pasado mes de setembro

- A capela ardente atópase no tanatorio de Cordeiro e os actos fúnebres terán lugar mañá a partir das 16:15 horas

MaríaTarrío

Valga, 16 de abril de 2026.

O Concello transmite as súas condolencias polo falecemento da “avoa” de Valga, María Tarrío Campaña, que era a veciña máis lonxeva do municipio despois de cumprir, no pasado mes de setembro, 103 anos.

A capela ardente da centenaria atópase na sala 3 do tanatorio municipal de Vaga e mañá venres terán lugar os actos fúnebres, con saída dende o tanatorio ás 16:15 horas cara a igrexa parroquial de Santa Columba, onde se celebrará o funeral e, seguidamente, recibirá sepultura no cemiterio parroquial.

María Tarrío naceu no seo dunha familia humilde de Moldes, aínda que vivía en Eiras, sendo a mediana de sete irmáns. Formou unha extensa familia de sete fillos, doce netos e once bisnetos. Como a maioría de mulleres da súa época, dedicou a súa vida ao coidado do fogar e ás tarefas do campo e, ademais, foi costureira. E aínda lle quedaba tempo para participar en seráns, ruadas e xuntanzas, antano habituais nas aldeas e nas que non podían faltar as gaitas e coplas.

María foi pandereteira e contribuíu a transmitir cultura popular galega a recolledores de cantares e estudosos da pandeireta. De feito, foi unha das homenaxeadas polo Concello no último Día das Letras Galegas pola súa contribución a preservar a poesía oral e a cultura popular de Galicia.

O alcalde, José María Bello Maneiro, manifestou a súa tristura polo pasamento da centenaria e traslada, no seu nome e no de toda a Corporación e veciñanza, o péseme aos seus familiares e achegados.

MaríaTarríoEsquela