- A iniciativa, impulsada polo departamento de Servizos Sociais, ofrecerá faladoiros e sesións gratuítas sobre temas de actualidade e interese para as familias
- A primeira xornada celebrarase o 13 de novembro no Auditorio e tratará sobre a alimentación na infancia e a adolescencia

Valga, 16 de outubro de 2026.
O Concello, a través do seu departamento de Servizos Sociais, pon en marcha a “Escola de familias”, un novo programa deseñado para proporcionar ferramentas e estratexias educativas que axuden aos pais e titores a afrontar o reto da crianza e o desenvolvemento dos seus fillos nas diferentes etapas da vida.
A iniciativa desenvolverase de forma periódica mediante faladoiros e sesións gratuítas abertas á participación de todas as persoas interesadas. Nelas abordaranse cuestións de máxima actualidade e que adoitan supoñer unha preocupación no día a día dos fogares. A primeira delas, a alimentación.
A programación arrancará o vindeiro 13 de novembro, ás 18:30 horas, no Auditorio Municipal, cunha xornada organizada conxuntamente entre o Concello e a Consellería de Sanidade. Levará por título "Unha alimentación axeitada na infancia e adolescencia" e estará impartida polo dietista Iván Parada Barral. Para asistir é necesario inscribirse con anterioridade no Concello. As persoas participantes recibirán un diploma de asistencia ao remate da formación.
Nas vindeiras citas da “Escola de familias” trataranse outros temas clave para o benestar dos menores, como a saúde mental ou o impacto e uso responsable das redes sociais, entre outras cuestións.
Con este proxecto, o Concello persegue un dobre obxectivo. Por unha parte, dotar ás familias de habilidades e recursos prácticos para facer fronte ás diferentes fases da crianza. E, por outra, consolidar os Servizos Sociais como un departamento aberto á veciñanza, enfocado no traballo comunitario e na prevención.

ES
EN