Accessibility Tools

Todas

Featured

O CONCELLO INICIARÁ OS TRÁMITES PARA SOLICITAR QUE SE DEDIQUE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS AO PADRE ISORNA, AO CUMPRIRSE DEZ ANOS DO SEU PASAMENTO

- “Queremos que sexa o segundo valgués en recibir esta homenaxe, xa que o seu traballo en defensa da lingua galega está fóra de toda dúbida”, di o alcalde

- José Isorna, nado en Barcia, foi coñecido coma “o cura galeguista” e, en 2009, doou ao Concello a súa biblioteca privada, formada por máis de 15.000 volumes

PadreIsornaAlcalde

Valga, 28 de abril de 2026.

O Concello de Valga iniciará os trámites para solicitar, ante a Real Academia Galega, que unha das próximas edicións do Día das Letras Galegas se dedique ao Padre Isorna, toda vez que o pasado domingo se cumpriron 10 anos do seu falecemento. Esta é unha das condicións imprescindibles para que un autor poida recibir este recoñecemento, polo que o alcalde, José María Bello Maneiro, destaca que “xa non hai ningún obstáculo para que o Padre Isorna se converta no segundo valgués, despois de Xesús Ferro Couselo, en ser homenaxeado no Día das Letras Galegas. A relevancia da súa obra e o seu traballo en defensa da lingua galega están fóra de toda dúbida”.

Bello Maneiro sinala que a figura do Padre Isorna transcende o ámbito literario. A súa obra xornalística foi tamén fecunda pero, principalmente, destacou no campo relixioso e espiritual. Foi coñecido coma “o cura galeguista”, pola súa condición de precursor do uso do galego na liturxia, oficiando durante máis de vinte anos as misas emitidas pola Televisión de Galicia.

Nado en Barcia no ano 1921, José Manuel Isorna Ferreirós realizou o noviciado en Santiago e, despois de completar a súa formación filosófica e teolóxica, foi ordenado sacerdote en maio de 1947. Ocupou diversos cargos de relevancia dentro da Orde Franciscana, desempeñando unha intensa actividade como comunicador en prensa e televisión. Asumiu tamén a Delegación de medios de comunicación do Arzobispado de Santiago.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega e o 17 de maio de 1997 recibiu o título de Fillo Predilecto de Valga. No ano 2009, o franciscano doou ao Concello a súa biblioteca privada, integrada por uns 15.000 volumes: traballos de teoloxía e filosofía, literatura histórica, libros de poesía e arte, bibliografías, publicacións propias, enciclopedias, dicionarios, mapas e diverso material audiovisual, que pasaron a formar parte do patrimonio público valgués e que permitiron abrir en 2011 no Auditorio Municipal a primeira biblioteca pública de teoloxía de Galicia.

“Está claro que o Padre Isorna mantivo durante toda a súa vida un forte compromiso con Valga, con Galicia e coa cultura e lingua galegas e cremos que o recoñecemento debe estar á altura”, conclúe o alcalde.

PadreIsorna FilloPredilecto2