- As inscricións, xunto cunha memoria e unha reportaxe fotográfica, poden realizarse no Concello ata o día 31 de maio
- As actuacións deben estar rematados na penúltima fin de semana de agosto, cando serán visitadas polo xurado

Valga, 30 de abril de 2026.
O Concello vén de abrir o prazo de participación no concurso Embelecer Valga, que ten como obxectivo implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do concello, para o seu desfrute por parte de toda a poboación, ao tempo que se fomentan valores como a integración e a unión social, o traballo en grupo e o respecto polos lugares e mobiliario públicos.
Deste xeito, o certame premia aos lugares máis fermosos acondicionados polos valgueses, que deberán agruparse para levar a cabo accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamento ou ornamentación. Poden participar comisións de carácter veciñal, asociativo ou de calquera outro tipo que deben entregar no rexistro do Concello unha solicitude encabezada por un representante e asinada por un mínimo de tres membros.
Ademais, teñen que entregar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver, incluíndo fotografías do estado actual do lugar. Esta documentación permitirá aos técnicos avaliar os proxectos presentados e aprobar, total ou parcialmente, as actuacións propostas. Tamén se encargarán da entrega do material necesario para a execución das obras, que é sufragado polo Concello.
Na categoría de obra nova poderán participar comisións que propoñan a creación dun novo espazo ou rehabilitación dalgún ben ou zona que se atope abandonado e que precise dunha obra maior para a súa conservación ou restauración.
A categoría de mantemento diríxese a lugares que xa dispoñen de construcións feitas, tales como parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas, co obxectivo de garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de limpeza, xardinaría ou ornamentación.
Entregaranse os seguintes premios:
Obra nova:
- 1º premio: 300 euros
- 2º premio: 200 euros
- 3º premio: 100 euros
Mantemento:
- 1º premio: 500 euros
- 2º premio: 300 euros
- 3º premio: 200 euros
Ademais, cada comisión participantes en ambas categorías recibirá unha gratificación de 100 euros.
O xurado valorará aspectos coma a adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e das tradicións locais.
Os proxectos deben estar rematados na penúltima fin de semana de agosto, cando o xurado fará un percorrido por todos os espazos.

ES
EN