Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO CONVOCA O CERTAME ARTÍSTICO PARA ELIXIR A IMAXE DA FESTA DA ANGUÍA E MOSTRA DA CAÑA DO PAÍS

- A obra gañadora será o cartel anunciador da cita gastronómica e o seu autor recibirá unha gratificación de 150 euros

- O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o día 3 de agosto

LogoFestaAnguía2026

Valga, 18 de xuño de 2026.

Búscase deseño para o cartel da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e, por iso, o Concello convoca unha nova edición do concurso artístico ao que poden concorrer veciños empadroados ata o vindeiro 3 de agosto, día no que remata o prazo de presentación de propostas. Deste xeito non só se fomenta a creatividade, senón que se implica directamente aos valgueses na proxección da festa local máis emblemática, que se celebra na última fin de semana de agosto.

As obras presentadas deberán axustarse obrigatoriamente á medida A3 (297 x 420 mm) en orientación vertical, elaboradas sobre calquera tipo de soporte bidimensional (como lenzo, cartolina ou papel). Non se establecen limitacións en canto ás técnicas a empregar, pero estas deben estar pensadas para garantir unha correcta calidade na súa posterior impresión dixital.

A temática do deseño deberá facer referencia aos dous produtos estrela da celebración: a anguía e a caña do país, ou ben aos elementos esenciais que forman parte dos seus procesos tradicionais de obtención e elaboración. Débese integrar, ademais, o escudo oficial do Concello e o texto “XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 22, 23, 27, 28, 29 e 30”.

As obras non poden presentarse asinadas polo autor, senón que se identificarán externamente mediante un lema. Unha vez que se faga pública a resolución dos gañadores, os autores premiados poderán comunicar ao Concello se desexan asinar a súa obra antes de iniciar a campaña promocional da festa.

Establécense premios económicos de 150, 100 e 75 euros para as tres obras mellor valoradas polo xurado. Estes galardóns entregaranse durante o acto público que se celebrará no Parque Irmáns Dios Mosquera no día grande da festa, o 29 de agosto.