- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez agasallárona cunha placa conmemorativa, unha torta e flores
- Josefa, que tivo tres fillos e oito netos, agarda ilusionada o nacemento do seu décimo bisneto
Valga, 31 de marzo de 2026.
O club das centenarias valguesas recibe a unha nova integrante: Josefa Senín Magariños, veciña de Cerneira (Setecoros), que hoxe cumpre cen anos. Unha data moi especial que celebra arroupada polos seus familiares e achegados, aos que se sumaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que a agasallaron cunha placa conmemorativa gravada coa lenda: “O Concello de Valga a Josefa Senín Magariños no día que cumpre os 100 anos”. Tamén lle fixeron entrega dunha torta, na que soprou as candeas, e dun ramo de flores.
“É unha ledicia chegar a esta idade”, destacou o alcalde durante a súa conversa con Josefa. A centenaria, que mantén unha gran memoria, rememorou xunto a Bello Maneiro moitos pasaxes da súa vida: cando ía ao monte coas vacas ou a apañar o millo e aqueles domingos nos que, antes da misa, había que ir ao muíño.
Xa pasou moito daquilo e hoxe en día a súa rutina é moi diferente: érguese ás 7 da mañá e vístese ela soa. “Ás oito, cando me levanto eu –conta a súa nora Agustina, coa que vive– dime: ‘Xa ía sendo hora’”. Á unha come, ás 6 cea e vai para a cama, onde acende a radio para escoitar o rosario primeiro e a misa despois. “Iso non o perde”. De cando en vez tamén dá pequenos paseos para ir saudar ao can da familia.
Faladora coma a que máis, Josefa fai gala dun carácter forxado por este século de vida dedicada aos traballos do campo, do fogar e ao coidado da familia. Tamén marcado pola dor e a traxedia, cando sufriu a perda dun fillo e un neto no accidente ferroviario de Campaña. Pero, apoiada polos seus, conseguiu repoñerse e recuperar a enerxía que lle permitiu chegar ata este centenario e coa que hoxe agarda ilusionada a chegada do seu décimo bisneto.
O vindeiro sábado arredor de 40 familiares e achegados reuniranse nunha gran festa de homenaxe. Non en balde, Josefa é a cuarta veciña de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (de Eiras) con 103 anos; Benilde Castaño (de Laxes) e Manuela Eiras (de Ferreirós) con 102.
ES
EN