Accessibility Tools

Todas

O ALUMNADO DE FORESTAIS DO OBRADOIRO DE EMPREGO ACONDICIONA DIVERSOS ESPAZOS NATURAIS

- Os aprendices executaron tarefas de mantemento no Parque Dios Mosquera e na lagoa Mina Mercedes

- Tamén actuaron en contornas fluviais, con eliminación de especies invasoras

Obrasforestais1

Valga, 7 de setembro de 2026.

O alumnado da especialidade de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, realizaron nas últimas semanas diversas accións de conservación e acondicionamento medioambiental en zonas verdes e espazos de lecer, poñendo así en práctica os coñecementos teóricos que tamén están a adquirir nas aulas durante os nove meses de duración do proxecto, que é promovido conxuntamente polos concellos de Valga, Moraña e Portas.

Entre os traballos a subliñar atópanse tarefas de mantemento e roza en toda a superficie do Parque Irmáns Dios Mosquera, combinando medios manuais e mecánicos. Neste recinto tamén se levaron a cabo podas de especies vexetais que invadían as zonas de paso do parque e a limpeza e posta a punto do lavadoiro e da súa contorna.

O equipo do Obradoiro tamén actuou en áreas fluviais, con labores de limpeza nas marxes dos ríos e en zonas de servidume. Unha das tarefas principais consistiu na eliminación de especies alóctonas invasoras, que se completou con rozas selectivas para favorecer a rexeneración das especies autóctonas.

Outros espazos nos que traballaron os aprendices de forestais foron as contornas da Casa do Concello e da Casa da Cultura e a lagoa Mina Mercedes.

Con estas obras, os futuros profesionais do sector forestal reforzan a súa formación práctica ao tempo que contribúen á mellora dos espazos públicos e á posta en valor do patrimonio natural de Valga.

Obrasforestais2 Obrasforestais3