- A Deputación de Pontevedra está a investir 1’5 millóns de euros na rexeneración da antiga mina de extracción de arxila
- Concello e Deputación asinaron este verán un novo convenio de 875.000 euros para converter a lagoa nun espazo de referencia para o lecer e o turismo

Valga, 8 de setembro de 2026.
O deputado provincial Javier Tourís, que está á fronte das áreas de acción comunitaria, equipamentos públicos e Fondos Europeos, visitou as obras da lagoa Porto Piñeiro xunto ao alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez. Os representantes das administracións local e provincial percorreron toda a zona de obras para comprobar o avance dos distintos proxectos que se están a executar de xeito simultáneo para converter a antiga mina de arxila nun espazo de referencia para o lecer, o turismo e a natureza.
Dende que se iniciou a rexeneración da lagoa o investimento total executado suma arredor de tres millóns de euros, procedentes de diferentes administracións e sen repercutir nas arcas municipais. Boa parte destes fondos proveñen da Deputación de Pontevedra. É o caso das dúas obras que están actualmente en marcha:
- Construción de sendas, cun orzamento 614.738’09 euros do programa Pon2030. Esta actuación contempla a ampliación das vías para peóns e ciclistas, que borderán toda a lagoa con pavimento de xabre e formigón. Tamén se inclúen a plantación de especies árboreas de ribeira para a renaturalización do espazo, traballos de drenaxe e instalación de tubaxes para unha rede de abastecemento, canalizacións para o alumeado público e instalación de luminarias. A isto engádense mobiliario urbano e varandas.
- Construción dunha piscina, rehabilitación e rexeneración dos noiros laterais e acondicionamento dos terreos da zona norte, incluíndo mellora dos accesos, a instalación de sistemas de drenaxe e traballos de paisaxismo. Neste caso o investimento é de 902.000 euros, que proceden íntegramente das arcas provinciais (700.000 do Plan Extra e os restantes do programa +Provincia)
A isto engádese o convenio asinado este mesmo verán entre a Deputación e o Concello por valor de 875.000 euros. Esta nova fase permitirá completar o equipamento da zona norte coa construción dun edificio modular para usos múltiples e con aseos, a instalación de xogos infantís terrestres e acuáticos, novos espazos de estancia, redes de servizos básicos (saneamento, abastecemento e alumeado) e mobiliario como mesas de pícnic, bancos, fontes e equipamento para ciclistas. As obras, que están pendentes de saír a contratación, financiaranse tamén entre os plans Extra e +Provincia da Deputación.
Dende que, en 2023, arrancaron as obras en Porto Piñeiro xa remataron, ademais, outras tres fases. Na primeira habilitáronse os primeiros tramos de sendas peonís e ciclables na zona sur, un parque infantil, zonas verdes con especies autóctonas e froiteiras e colocouse mobiliario urbano. Os 500.915 euros investidos procedían tamén da administración provincial.
Entre 2024 e 2025 executáronse os traballos de colocación do peche de seguridade perimetral por valor de 366.188’60 euros e financiados pola Xunta e a Deputación. E, por último, Dende finais de 2025 e comezos do 2026 creouse unha praia artificial con 575.000 euros procedentes dos fondos europeos Next Generation, xestionados a través do xeodestino Mar de Santiago.

ES
EN