- A actuación permitiu ampliar a estrada, renovar o firme e mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade
- Os traballos, valorados en 110.000 euros, financiáronse con fondos da Deputación de Pontevedra

Valga, 10 de outubro de 2026.
As obras de acondicionamento, ensanche e mellora da pista da Seixa, no lugar de Parafita, remataron nos últimos días. Cun investimento de 110.449’94 euros procedentes de fondos da Deputación de Pontevedra, a intervención supón unha transformación substancial na seguridade e mobilidade dos veciños e usuarios desta vía rural.
Grazas a esta actuación, que se desenvolveu nun treito de case medio quilómetro, resolveuse o problema de estreiteza que dificultaba o paso en varios puntos, garantindo agora un acceso máis seguro tanto ás vivendas do lugar como ás parcelas agrícolas da contorna. Así o puido comprobar a concelleira Carmen Gómez nunha visita á zona.
Entre as melloras executadas atópanse:
- A limpeza das marxes e reapertura e acondicionamento das cunetas para garantir unha correcta evacuación das augas de choiva.
- Ampliación da plataforma, incluíndo traballos de desmonte e ensanche nas tres curvas principais da vía e no treito intermedio, permitindo agora o cruce e a manobra de vehículos con maior seguridade.
- Renovación do pavimento, co fresado do vello firme e estendido duna nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente.
Con esta actuación, o Concello reafirma o seu compromiso coa modernización das infraestruturas no ámbito rural, mellorando a calidade de vida da veciñanza e facilitando a súa mobilidade.

ES
EN