Accessibility Tools

Todas

A PARCELARIA DE SAN MIGUEL REMATA A INVESTIGACIÓN DA PROPIEDADE E AVANZA CARA A APROBACIÓN DAS BASES

- Os propietarios serán informados por correo sobre as parcelas declaradas, a súa superficie e tipoloxía

- Terán de prazo entre os días 15 de xullo e 14 de agosto para presentar reclamacións

ReestruturacionParcelaria1

 Valga, 23 de xuño de 2026.

Veciños e propietarios de terreos nos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi, que forman parte do proxecto de reestruturación parcelaria da parroquia de San Miguel, asistiron esta mañá a unha xuntanza na Casa da Cultura para informarlles sobre o avance do proceso. Participaron representantes da Consellería do Medio Rural –entre eles a xefa do servizo de Infraestruturas Agrarias, María José Pérez, o técnico Abel Rodríguez e a asesora xurídica Ana Pais– o, o alcalde, José María Bello Maneiro, e persoal da empresa Enseros, contratada para a realización dos traballos.
Nesta xuntanza informouse da finalización do traballos de investigación da propiedade e da clasificación dos terreos. Como paso previo á aprobación oficial das bases da reestruturación, ábrese agora unha nova fase denominada Enquisa de Bases. Cada propietario recibirá por correo unha carta cun documento no que constan as parcelas declaradas, cos datos de superficie e clasificación. Neste mesmo escrito indicaráselles onde poden consultar os planos:
-          No local social de Vilares
-          Na Casa do Concello
-          Na páxina web da Consellería do Medio Rural: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos (seleccionando o apartado “Publicacións” e introducindo os datos correspondentes á Reestruturación de San Miguel de Valga).
En caso de detectar algún erro, omisión  ou calquera dato que deba ser corrixido, os afectados poderán realizar alegacións entre os días 15 de xullo e 14 de agosto, presentándoas por escrito no Rexistro da Xunta de Galicia ou no propio Concello. Tamén pode empregarse a Sede Electrónica da Xunta.
Persoal técnico da empresa Enseros atenderá de xeito presencial aos afectados no Local Social dos Vilares os días 16, 20, 21 e 22 de xullo de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00 horas, e tamén o día 17 só pola mañá (de 10:00 a 13:00). Ademais, tamén se ofrece atención telefónica nos números 981 53 63 83, 986 80 50 94 e 986 80 54 40 (de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas).
A xefa do Servizo de Infraestruturas, Mª José Pérez, destacou que arredor dun 20% das parcelas (que representan un 15% da superficie total a reestruturar) non foron declaradas. “É unha porcentaxe moi elevada”, polo que fixo un chamamento á mobilización veciñal para lograr identificar aos propietarios destes terreos. O plano coas fincas sen declarar tamén pode consultarse nos lugares antes citados.
Unha vez se aproben as bases da reestruturación, realizaranse un plan de usos do solo e trazarase a nova rede de camiños, na que se intentarán respectar ao máximo posible as pistas xa existentes, mellorándoas para favorecer a mobilidade na zona. Será o paso previo á designación das novas fincas.
Listaxe para compra-venda de parcelas
Nesta mesma reunión, informouse aos propietarios que o Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra ten a disposición dos interesados, unha listaxe de persoas que desexan comprar, vender, permutar, arrendar ou ceder o uso ou aproveitamento de terreos incluídos na parcelaria.
Para incorporarse a esta lista é necesario presentar unha solicitude de adhesión para autorizar á administración a exercer como intermediario. Esta medida busca facilitar acordos entre titulares e persoas interesadas na xestión dos terreos vinculados á reestruturación parcelaria.
ReestruturacionParcelaria2 ReestruturaciónParcelaria3