- As empresas poden presentar as súas ofertas ante o Concello ata o día 15 de xuño
- Colocarase un novo pavimento de pedra e formigón e tamén mobiliario urbano e de xardinería
Valga, 21 de maio de 2026.
O proxecto de humanización posta en valor da contorna da capela da Virxe dos Desamparados da Devesa dá un novo paso adiante coa licitación das obras, coas que se pretende mellorar tanto a accesibilidade ao templo coma a seguridade na zona.
Investiranse un total de 79.751’61 euros, froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta, a través de Turismo de Galicia. As empresas que queiran optar á adxudicación das obras teñen de prazo ata o día 15 de xuño para presentar as súas ofertas.
Colocarase un novo pavimento de pedra, ademais de mobiliario urbano e de xardinería. Tamén está previsto instalar as canalizacións para un futuro soterramento das liñas aéreas de servizos e, unha vez remadas as obras, sinalizarase a zona con prioridade peonil.
Deste xeito preténdese revalorizar este elemento patrimonial, favorecendo o seu uso e gozo do entorno por parte dos veciños e usuarios en xeral.
A Capela de Nosa Señora dos Desamparados ten planta rectangular e unha soa nave cun nicho na fachada principal. Os muros son de cantería e a cuberta de tella do país.
Na contorna destaca, ademais, o cruceiro, coroado por unha cruz latina que mostra, no anverso, a Crucifixión e, no reverso, á Virxe do Socorro co neno.
ES
EN