- Os asistentes ao showcooking “Moito máis que caña” puideron degustar catro combinados elaborados con augardentes branca, de herbas e tostada
- O “Agosto Gastronómico” remata mañá coa última demostración culinaria, na que a anguía será protagonista

Valga, 12 de agosto de 2026.
O showcooking “Moito máis que caña” puxo onte de manifesto as posibilidades que ofrecen os destilados tradicionais galegos. A través de catro combinados de autor, Álex Iglesias puxo en valor os perfís aromáticos e a riqueza de sabores que aportan a caña branca, a de herbas e a tostada, reivindicando o seu papel na coctelería de vangarda.
Durante a demostración, explicou como cada variedade de augardente ofrece matices únicos. A caña branca destaca pola súa potencia neutra e seca, ideal para actuar como base alcohólica principal sen solapar outros ingredientes. A de herbas engade un toque fresco e botánico e aporta contraste ao combinala, por exemplo, con zumes de froitas. E a caña tostada ofrece notas doces, acarameladas e incluso afumadas, dando corpo aos cócteles e funcionando incluso como substituto dos tradicionais xaropes.
A exhibición arrancou co Queimada Spritz, un cóctel sinxelo e fresco que non precisa axitador. Na súa elaboración empregáronse caña branca, viño espumoso, zume de limón, xarope de mel e romeu fresco, engadindo unha monda de laranxa queimada para potenciar o sabor.
Dando un xiro cara a unha maior complexidade, Álex Iglesias presentou o Espresso Tostado, unha proposta onde o café foi o gran protagonista. Para este combinado empregouse caña tostada, café espresso, licor café e xarope de vainilla, rematado cun toque de chocolate relado.
Os sabores afroitados chegaron co Verde Atlántico, que combinou caña de herbas, kiwi triturado, zume de lima e clara de ovo para lograr unha textura cremosa e un sabor equilibrado.
Para pechar a sesión, Álex Iglesias elaborou o Lume de Santiago, unha creación que el mesmo equiparou a «unha sobremesa con sabores moi nosos», combinando caña tostada, mel, laranxa e canela para pechar o percorrido pola tradición galega.
O “Agosto Gastronómico” péchase mañá co showcooking “Universo Anguía”, no que este peixe do Ulla será o auténtico protagonista como ingrediente principal de catro receitas.

ES
EN