- Divididos en grupos, sumáronse durante varias xornadas á Escola de Verán de patinaxe
- Aprenderon a desprazarse cos patíns, a realizar figuras básicas e dar os seus primeiros saltos

Valga, 7 de agosto de 2026.
Os nenos e mozos participantes nas actividades municipais de conciliación que se están a desenvolver durante o verán continúan a gozar dun programa cheo de propostas educativas e lúdicas, no que a práctica deportiva ocupa un lugar destacado.
Nas últimas semanas, os pequenos puideron achegarse a novas disciplinas para descubrir as súas habilidades e fomentar hábitos de vida saudables. Primeiro participaron nun obradoiro de iniciación ao karate da man do Club Karate Valga, e coñeceron os valores e técnicas básicas desta arte marcial.
E nas últimas xornadas uníronse á Escola de Verán de patinaxe artística para probar o seu equilibrio sobre catro rodas. Aínda que algúns dos rapaces xa coñecían este deporte, para outros era o seu primeiro contacto, polo que os exercicios adaptáronse ao nivel de cada quen: aprenderon a manter o equilibrio, a desprazarse cos patíns, a realizar figuras básicas e a dar os seus primeiros saltos. Todo baixo a supervisión de Olalla Pérez, adestradora da Escola Municipal de patinaxe, e das súas alumnas máis avantaxadas.
Con estas iniciativas, o Concello ofrece un espazo de lecer activo, formativo e divertido para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares.

ES
EN