- A actuación para mitigar as riadas afectará ao río Valga, entre a vía do ferrocarril e a estrada de acceso ao núcleo da Devesa
- As obras avanzan a maior ritmo dende o comezo da primavera, coa praia e a senda perimetral moi adiantadas
Valga, 25 de abril de 2026.
O Pleno, que onte se reuniu en sesión ordinaria, aprobou o proxecto “Mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa”. Trátase dunha nova actuación para mitigar os efectos das inundacións no municipio, que afectará ao río Valga no tramo comprendido entre a vía do tren e a estrada que comunica igrexa de Campaña co núcleo da Devesa. O investimento superará os 1’1 millóns de euros. As obras a executar inclúen a ampliación da canle do río e tamén dunha ponte existente na zona para aumentar a capacidade en épocas de crecidas.
A Corporación, cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG, aprobou tanto o proxecto coma a relación de bens afectados.
Este proxecto enmárcase no convenio asinado no seu día entre o Concello e Augas de Galicia para o investimento de tres millóns de euros en obras hidráulicas para reducir o risco de inundacións en Valga. Desta cantidade xa se investiron 775.986’98 euros na execución de dous proxectos: “Protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso por Valga” e “Mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril”.
Rúa para o exalcalde Celestino Carbia
Na sesión tamén se aprobou por unanimidade unha moción do grupo municipal do PP para realizar un recoñecemento a Celestino Carbia Campaña, que foi alcalde de Valga entre 1931 e 1933 e tamén en 1936. Tralo golpe de Estado foi detido e padeceu persecución por razóns políticas e foi fusilado.
De profesión labrador, nos seus anos como alcalde levou a cabo unha serie de accións encamiñadas ao benestar do pobo. Por exemplo, a mellora das redes de comunicación ou estruturas que facilitasen aos veciños o coidado dos animais, xa que daquela a agricultura e a gandería eran a principal economía de Valga. Tamén conseguiu financiamento para a construción dun cuartel para a Benemérita.

Ademais do seu papel como alcalde, Celestino Carbia foi un dos promotores do Sindicato Agrícola de Cordeiro, entidade da que tamén foi presidente e a través da que se promoveron importantes obras para a parroquia contando con fondos da emigración valguesa en Arxentina e noutros países de América Latina: a escola de Ferreirós, que aínda hoxe mantén a súa actividade educativa; o local social do Sindicato e escola de mulleres (o actual Teleclub); o campo da festa de Cordeiro e a súa fonte de auga.
Recentemente, e en base á Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, o Goberno de España vén de declarar nula a condena ditada no seu día contra Celestino Carbia Campaña, ao considerar ilegal e ilexítimo o tribunal que o xulgou, recoñecendo que padeceu persecución e violencia por razóns políticas e ideolóxicas durante a Guerra Civil Española.
Como parte deste recoñecemento, a actual Calle Baixa de Pontevalga, que parte dende a Casa do Concello, pasará a denominarse Rúa Alcalde Celestino Carbia Campaña.
Rexeitouse, pola contra, a moción presentada polo BNG para que as instalacións deportivas de Campaña mudaran o seu nome polo de “Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi”. O alcalde, José María Bello Maneiro, manifestou no Pleno ata en tres ocasións “os méritos” e o “importante labor” destas tres valguesas que, no seu día libraron unha batalla contra a Federación de Fútbol a prol da igualdade no deporte. O rexedor engadiu que hai outras alternativas para enxalzar o seu logro e que serán analizadas. De feito, o Concello xa lles realizou un recoñecemento público e institucional con motivo do Día da Muller de 2025, con mención expresa á súa xesta.
ES
EN