- Poden recollerse nas oficinas municipais, unha por persoa empadroada ata esgotar existencias
- Os puntos de observación recomendados inclúen miradoiros ou as ribeiras do Ulla
Valga, 5 de agosto de 2026.
Valga, ao igual que boa parte de Galicia, prepárase para vivir un dos acontecementos astronómicos máis importantes dos últimos anos: a eclipse solar do día 12. Para gozar do fenómeno coas máximas garantías, o Concello distribúe de xeito gratuíto de lentes homologadas para a observación solar directa. As unidades foron facilitadas pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, están fabricadas en España e contan coa certificación de seguridade ISO 12312-2. Xunto con gafas, tamén se entrega unha guía informativa.
As lentes e os folletos xa se poden recoller nas oficinas do Concello, en horario de 8:30 a 14:30 horas, ata esgotar existencias. Entrégase unha unidade por persoa e exclusivamente a veciños empadroados en Valga.
A eclipse terá lugar o vindeiro mércores, 12 de agosto, durante as últimas horas da tarde, desenvolvéndose entre as 19:30 e as 21:30 horas. O punto de máxima ocultación acadarase ás 20:30 horas, momento no que a cobertura do disco solar en Valga chegará ao 99,86%, rozando a totalidade.
Os mellores lugares para observar este fenómeno astronómico son aqueles cun horizonte despexado cara o oeste ou noroeste, como miradoiros e zonas elevadas sen obstáculos e, no caso de Valga, tamén as ribeiras do Ulla. A praia fluvial de Vilarello, o embarcadoiro de Santa Cristina ou o Miradoiro da Perdiz poden ser lugares propicios para unha boa observación.
O Concello anima á veciñanza a deste espectáculo natural, pero lembra a importancia de actuar con responsabilidade, adoptando as medidas de seguridade precisas para evitar lesións oculares:
- Usar exclusivamente métodos homologados para a observación solar directa (coma as lentes distribuídas polo Concello).
- Evitar o uso de lentes de sol ordinarias, radiografías, cristais afumados ou máscaras de soldadura, xa que non garanten a protección.

ES
EN