Accessibility Tools

Todas

O COMEZO DAS ACTIVIDADES GASTRONÓMICAS CON ANGUÍA E CAÑA DO PAÍS MARCA A CONTA ATRÁS PARA A GRAN FESTA DE VALGA

- O concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e o cociñeiro Álex Iglesias presentaron esta mañá a programación do “Agosto Gastronómico”

- Máis de 30 nenos participan mañá no obradoiro de cocina infantil e o showcooking “A caña no prato” esgotou nunha hora as prazas dispoñibles

PresentaciónAgostoGastronómico

Valga, 3 de agosto de 2026.

Agosto e gastronomía son os aliados perfectos en Valga, da man da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que mañá mesmo dá comezo ás súas actividades cun obradoiro infantil de cociña que contará con máis de 30 participantes. Os cativos marcarán a saída dunha maratón de iniciativas que teñen como finalidade promocionar os dous produtos por excelencia da gastronomía local. A programación foi presentada este mediodía polo concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e o conciñeiro Álex Iglesias, que un ano máis estará á fronte do “Agosto Gastronómico”.

O edil apuntou que os anos da pandemia, cando as festas tiñan que celebrarse en formato reducido, “servíronnos para descubrir unha forma diferente” de enxalzar a anguía e a caña do país, con obradoiros e showcookins que “funcionaron tan ben que xa se quedaron para sempre” como parte da programación da festa. “Adoitabamos a consumir a anguía fritida, en empanada ou guisada e a tomar a caña en chopo ou co café, pero descubrimos que estes dous produtos poden empregarse de formas moi diferentes e en múltiples elaboracións”, engadiu.

Álex Iglesias recoñeceu que para el, como cociñeiro, “é un gran reto traer cada ano receitas novas e variadas, buscando que as persoas que asisten as actividades vivan unha experiencia diferente, collan ideas e incluso poidan replicar os pratos nas súas casas”. En canto ao obradoiro de cociña para nenos avanzou que “nesta edición a presenza da anguía será aínda mais visual que noutras ocasións” e destacou que os cativos de Valga sexan moi afeccionados a este peixe: “Comen nela que ata os pais se sorprenden”.

Nas vindeiras semanas continuará a programación con tres showcookings. O primeiro, “A caña no prato”, abriu hoxe a inscrición e, en pouco máis dunha hora xa se cubriran todas as prazas dispoñibles. Esta sesión de cociñado con degustación, que se celebrará o día 11, ofrecerá catro pratos que incorporan distintas variedades de augardente local: branca, de herbas e tostada. O 23 de agosto terá lugar unha sesión vermú na que a caña repetirá como protagonista, co preparado de catro cócteles. E, por último, o martes 25 a anguía reivindicarase coma a raíña da mesa co cociñado de catro pratos, entre eles unha sobremesa doce. “Esta foi unha das novidades do ano pasado”, lembrou Álex Iglesias, e tivo tanta aceptación que “repetimos a idea cunha receita diferente”.

E para completar o “Agosto Gastronómico, o concurso Anguía Chef ten aberto o prazo de inscrición dende hoxe e ata o día 14. Búscase ao mellor cociñeiro de anguía, con premios para os participantes que presenten as mellores elaboracións. O Concello facilitaralles a anguía para que elaboren os pratos, que terán que presentar o día 18 de agosto no Centro de Interpretación da Caña. Alí un xurado encargarase de valoralos e elixir o máis saboroso.

Pese a o que poida parecer, a anguía e a caña do país son dous produtos moi versátiles. Lonxe de limitarse ás preparacións máis tradicionais, adáptanse a propostas culinarias moi diferentes e permiten combinacións do máis sorprendentes. Para resaltar esta característica, empregaranse durante as diferentes actividades outros produtos galego con Denominación de Orixe ou Indicación Xeografica Protexida, propoñendo combinacións inéditas que reforcen o seu sabor e propiedades.

Cartel Agosto Gastronómico 2026