- Bello Maneiro estivo acompañado na reunión pola segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez
- A situación das depuradoras e das redes de abastecemento e saneamento foron algúns dos asuntos que trataron

Valga, 30 de setembro de 2026.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez mantiveron unha xuntanza de traballo coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta, Ángeles Vázquez, para analizar posibles vías de colaboración entre as administracións autonómica e local en materia de augas.
En concreto, durante a reunión, abordaron a situación da depuradora xeral, así como a necesidade de construír unha nova EDAR na contorna de Carracido (Cordeiro). En ambos casos, a conselleira trasladou ao alcalde a disposición de Augas de Galicia a colaborar co Concello para optimizar a calidade do servizo.
No encontro tamén avaliaron outros aspectos como o saneamento na contorna da Tarroeira, onde Augas de Galicia xa ten previsto acometer unha primeira actuación que está a ser deseñada en coordinación cos técnicos municipais.
No marco desta aposta por ofrecer o mellor servizo posible á cidadanía, o Concello ten solicitadas as axudas que anualmente convoca Augas de Galicia para auditar a rede de abastecemento e detectar posibles fugas ou problemas que afecten ao subministro e para reducir infiltracións na rede de saneamento.
A conselleira confirmou que a Xunta mantén o seu compromiso de manter unha colaboración activa co Concello, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

ES
EN