- Interesáronse por como se están a desenvolver os traballos previos á inauguración do día 22

Valga, 8 de novembro de 2026.
Valga xa comeza a sentir a chegada do Nadal e conta os días para a apertura dunha da atracción máis recoñecida e visitada: o Belén Artesanal en Movemento. Coa vista posta na súa inauguración oficial, o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, achegáronse aos talleres onde os membros da asociación Amigos do Belén traballan arreo ultimando os detalles da montaxe.
Durante a visita, os representantes municipais percorreron as distintas seccións do taller para coñecer de primeira man o proceso de deseño e construción das novas figuras e animacións. Como vén sendo habitual nesta cita anual, moitas das novidades están inspiradas na actualidade social, política e cultural que marcou o último ano, mantendo o toque retranqueiro e costumista que caracteriza a este nacemento.
Acompañados pola presidenta da asociación, Mari Carmen Castiñeiras, o alcalde e o edil de Cultura realizaron tamén un percorrido polo propio espazo do nacemento intentando descubrir a gran incógnita: cales serán as principais novidades deste Nadal. Pero ese é un segredo gardado baixo sete chaves, reservando así a sorpresa ata o día da apertura.
Inauguración e sesión vermú
A inauguración do Belén Artesanal terá lugar o domingo 22 de novembro, ás 13:00 horas. O acto institucional de apertura estará seguido dunha sesión vermú amenizada con música tradicional.

ES
EN