- A xornada, enmarcada no Plan Maior Seguridade, contou coa participación de mandos da Garda Civil
- A sesión puxo o foco nas fraudes telefónicas, os falsos revisores do gas e os furtos na vía pública

Valga, 25 de novembro 2026.
O Auditorio Municipal acolleu unha charla informativa centrada na prevención de estafas, roubos e outros delitos, dirixida de xeito prioritario ás persoas maiores de 65 anos, un dos colectivos máis expostos e vulnerables fronte á acción dos delincuentes. A iniciativa enmárcase no Plan Maior Seguridade, un programa impulsado polo Ministerio do Interior para reducir os riscos que afectan a este sector da poboación e fortalecer a súa proximidade e confianza coas forzas e corpos de seguridade.
A convocatoria reuniu arredor de medio cento de veciños. O relator da sesión foi José Manuel Lustres, integrante do Plan Director da Comandancia de Pontevedra, e contou coa participación de José Luis Peso, responsable do Plan Mayor Seguridade en Pontevedra, e de José Manuel Suárez, sarxento comandante do Posto da Garda Civil de Valga.
Riscos no día a día e espazos de maior exposición
Durante o encontro repasáronse pautas prácticas para previr roubos en vivendas, furtos na rúa, fraudes bancarias e abusos económicos por parte de terceiros. Os poñentes puxeron o foco nos espazos nos que cómpre extremar a prudencia: o domicilio, a vía pública, as entidades bancarias e os desprazamentos e viaxes, lugares habituais nos que os autores de delitos buscan oportunidades rápidas ou enganos.
A charla dedicou tamén atención ás estafas cometidas por vías telemáticas —especialmente a través do teléfono móbil—, pero tamén ás modalidades presenciais máis habituais:
- Falsos revisores e técnicos: Individuos que se fan pasar por instaladores do gas ou doutros servizos co único fin de distraer a quen abre a porta e acceder ao interior da vivenda para roubar.
- O “abrazo amoroso”: Unha modalidade en auxe na que o agresor se achega á vítima, moitas veces simulando afecto e aproveita o contacto físico para subtraerlle xoias, carteiras ou outros obxectos de valor.
- Enganos clásicos: Prácticas xa coñecidas mais aínda vixentes e perigosas, como o timo da estampiña, que seguen a operar mediante o engano e a boa fe da vítima.
A finalidade da xornada foi alertar e dotar de ferramentas preventivas aos asistentes ante o maior risco que supoñen estas condutas delictivas nas idades avanzadas. O público amosouse moi participativo durante a sesión, intervindo para formular dúbidas e compartir experiencias e situacións vividas en primeira persoa.

ES
EN