Accessibility Tools

Todas

MÁIS DE CEN SENDEIRISTAS DESCUBRIRON O PATRIMONIO E AS TRADICIÓNS DE VALGA A TRAVÉS DO PROGRAMA “GOZA DO ULLA”

- Os participantes achegáronse ás lagoas Mina Mercedes e Porto Piñeiro, ao embarcadoiro de Santa Cristina e á telleiras de Vilar

- Tamén percorreron a Ruta dos Lacóns, dende a Capela de Vilar ata a igrexa de Cordeiro

1000062100

Valga, 26 de setembro de 2026.

"Goza do Ulla" chegou a Valga cunha ruta que contou con máis dun cento de persoas inscritas, moitas de Valga e de concellos da contorna, pero outras chegadas dende localidades coma Vilagarcía, a comarca do Barbanza, Ames, Santiago, Teo, Laracha, Ponteareas, Vigo...

"O Ulla, entre patrimonio e tradición" foi un percorrido circular de 18 quilómetros e dificultade baixa, con saída e chegada na Mina Mercedes. A concelleira de Turismo, Malena Isorna, e o técnico municipal, Santiago Chenlo, estiveron á fronte do grupo. Este último foi o encargado de explicar aos participantes algúns dos lugares de máis interese da ruta, comezando pola historia das lagoas de Valga (Mina Mercedes e Porto Piñeiro), das que se extraía para a fabricación de tellas e ladrillo na empresa Novo & Sierra, hoxe desaparecida.

Os camiñantes dirixíronse despois cara ao embarcadoiro de Santa Cristina, tamén vencellado á mencionada empresa de cerámica. Foi construído no lugar no que se atopaba un vello porto de carga e descarga de mercadorías. Estas eran trasladadas ata o Ulla a través dun funicular aéreo construído en 1927 e do que aínda se conservan algúns vestixios que hoxe están declarados Ben de Interese Cultural (BIC), por se un exemplo único en Galicia deste patrimonio industrial.

En paralelo ao río Ulla, os sendeiristas avanzaron ata praia fluvial de Vilarello, unha das áreas recreativas máis visitadas de Valga, e continuaron ata as telleiras de Vilar, testemuñas da actividade de produción artesanal de tella que houbo en Valga e que, fai uns anos, foron recuperadas polo Concello.

O grupo emprendeu o regreso ata o Miradoiro da Perdiz, no que se estableceu un punto de avituallamento e onde os participantes puideron gozar dunhas fermosas vistas do Ulla. Baixaron despois pola aldea de Vilar ata a Capela de San Paio, onde da comezo unha das procesión máis antigas que se conservan en Valga: a Procesión dos Lacóns, que lembra tempos pasados nos que a mortaldade animal supuña fame e escaseza.

Seguiuse fielmente o percorrido deste desfile relixioso, pasando polas aldeas de Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro, ata chegar á igrexa de Santa Comba de Cordeiro, de estilo barroco. Na súa construción empregáronse pedras da Igrexa Vella e no seu camposanto repousan os restos de persoeiros ilustres coma Xesús Ferro Couselo e o Padre Isorna.

Esta foi a última parada antes de enfiar de novo camiño ata Mina Mercedes, pasando pola lagoa de Porto Piñeiro, que se atopa en obras para convertela nun espazo de referencia ambiental e turístico.

1000062086

1000062104