- Unhas 450 especies desta flor enchen de cor máis de 2.000 metros cadrados de terreo no lugar de Fontenlo
- Sesenta persoas participan hoxe en senllas visitas á finca, organizadas pola Sociedade Española da Camelia e a Deputación
Valga, 11 de abril de 2026.
Fontenlo é durante a xornada de hoxe punto de encontro de afeccionados á camelia, que teñen a oportunidade de descubrir o xardín de Rosa Crespo e Jaime Escofet, unha das plantacións de camelias máis espectaculares de Valga con árbores de máis de 450 especies diferentes da considerada coma “flor de Galicia”. A humidade, o clima suave e a acidez do chan fan da nosa unha terra propicia para o crecemento deste arbusto de orixe asiática.
Dous grupos de trinta persoas son guiados polos anfitrións para descubrir algunhas das especies máis sobranceiras das que medran nos máis de 2.000 metros cadrados de parcela. A plantación arrancou fai 32 anos, cando o matrimonio construíu a vivenda, pero “xa antes, de mozos, eramos afeccionados á camelia e íamos ás exposicións”, explican. “Comezamos a plantar para facer o peche da finca e, pouco a pouco, fomos ampliando” ata completar unha colección impresionante, tanto pola cantidade como pola variedade e a calidade. “Temos verdadeiras marabillas, cada unha máis fermosa”, sinala Rosa Crespo.
As camelias amarelas son tendencia nos últimos anos. Tamén destaca a variedade “Amplexicaulis”, coa flor en forma de campá e follas “moi distintas e grandes”. Hainas portuguesas, coma a “Gouveia Pinto”; outras aromáticas e as que destacan pola mestura de cores, coma a “"Kogane –Nishiki”, traída de California e que combina o amarelo crema con malva. Básica en calquera colección é a “Alba plena”, quizais unha das variedades máis famosas, de cor branca pura e na que se inspirou Chanel para deseñar o seu icónico broche.
Pero as máis especiais para Rosa e Jaime son as que eles mesmos bautizaron cos nomes dos membros da súa familia: Rosa Crespo, Jaime Escofet, Paula Escofet e Miriam Escofet. A estas engádese a camelia valguesa por execelencia: a que leva o nome da Bella Otero, que destaca pola súa flor grande de cor rosa forte. Ademais, están en proceso de incluír no Rexistro Internacional outras tres variedades cos nomes de Marco Escofet, Greta Minguillón e Mina Pintora.
Aínda que algunhas xa perderon a flor ao atoparnos xa no final da temporada, son igualmente protagonistas da actividade promovida pola Sociedade Española da Camelia, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas. Ademais do percorrido guiado polo xardín, as visitas tamén inclúen a degustación de doces caseiros e té elaborado con brotes de camelia.

ES
EN