- Recibiu os galardóns nas categorías de mellor Axente TIC e Espazo maker nun acto na Cidade da Cultura
- A Aula CeMIT ten programados para as vindeiras semanas obradoiros de ciberseguridade e creación de calendarios, propostas inclusivas co CODI e exames ComDix

Valga, 25 de novembro de 2026.
Vanessa Losada, responsable da Aula CeMIT de Valga, foi recoñecida con dous galardóns nos III Premios Axentes TIC de Galicia, entregados no marco do encontro celebrado onte na Cidade da Cultura de Santiago. Vanessa acadou senllos recoñecementos nas categorías de mellor Axente TIC e Espazo maker.
O evento estivo presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, quen recibiu ás persoas encargadas da coordinación das 93 aulas de formación dixital da rede CeMIT. Durante a súa intervención, Rey puxo en valor o papel dos axentes TIC na dinamización das aulas CeMIT, identificación de necesidades, propostas de novas actividades e acompañamento á cidadanía no seu proceso de adaptación aos novos modelos de comunicación. Unha adaptación, engadiu, “imprescindible para as relacións humanas, para o desenvolvemento laboral ou para realizar calquera tipo de contacto ou xestión coas Administracións”.
Ademais da entrega de premios e de asistir a unha charla sobre formación, os participantes na xornada tiveron a oportunidade de visitar os dous laboratorios de ciberseguridade da Xunta situados no Centro GaiasTech.
Próximas actividades na Aula CeMIT de Valga
Tras este dobre recoñecemento ao seu traballo, a Aula CeMIT de Valga continúa coa súa programación de capacitación tecnolóxica para as vindeiras semanas, na que destacan as seguintes citas: un obradoiro de ciberseguridade, actividades dirixidas aos usuarios do CODI con motivo do Día Mundial da Discapacidade, unha videoconferencia con Papá Noel, un obradoiro de creación de calendarios e exames de certificación oficial ComDix.

ES
EN